Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Ramón Villares: «Galicia é máis ca un país e menos ca un Estado, unha nación cultural»

En «Galicia. Una nación entre dos mundos» o historiador destaca a súa dobre vertente europea e americana


Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e presidente do Consello da Cultura Galega entre o 2006 e o 2018, Ramón Villares (Xermade, Lugo, 1951) é un dos intelectuais galegos máis relevantes. Acaba de publicar Galicia. Una nación entre dos mundos (Pasado & Presente), un libro co que pretende «explicar o que é Galicia, axudar a entendela e a que sexa comprendida».


-Galicia está presa de moitos estereotipos, dalgúns clixés negativos, que felizmente se foron superando, pero non deixamos de ser vistos coma un pobo que está alá na Fisterra, nunha esquina verde, que non se sabe se sobe ou se baixa. Eses estereotipos son froito da preguiza. No libro preséntase unha imaxe de Galicia distinta, a dun pobo europeo e americano ao mesmo tempo por distintas razóns e en distintas épocas, de aí o título.


-No prefacio asegura que «os galegos, malia os tópicos que os asedian, saben o que son e actúan en consecuencia. O asunto máis delicado é aceptarse como tales e, sobre todo, ser capaz de explicalo para ser entendido polos demais». Por que teñen esa dificultade de explicar como son?


-Non o sei, entrariamos no campo da psicoloxía de masas e a antropoloxía. Eu creo que o galego, por definición, é un resistente, e non gasta moito tempo en explicarse, porque non trata de convencer o outro, senón de seguir sendo o que é. O galego sabe o que é e recoñécese en calquera parte do mundo como tal, e fai gala de selo. Iso non quere dicir que sexa politicamente moi activo nin moi militante nin nacionalista, senón que se manifesta e se considera como galego, e iso paréceme un valor moi importante.


-Explica que Galicia é unha nación cultural. Que significa iso?


-Quere dicir que somos máis ca un país e menos ca un Estado. No mundo hai moitas nacións e só 192 estados integran a ONU. Non somos un país nin unha rexión desde o punto de vista político, senón unha nación cultural cun perfil propio. E, ademais, é un recoñecemento do papel que tivo a cultura na definición de Galicia como suxeito político e cultural, porque desde o Rexurdimento os poetas, os historiadores e os artistas foron moito máis activos ca os dirixentes políticos. Galicia ten un déficit de organización política de carácter nacional, pero en cambio hai unha achega intelectual desde o Romanticismo ata hoxe extraordinaria.


-Por que non existe unha reivindicación nacional tan forte coma en Cataluña ou no País Vasco?


-Sobre todo polo seu déficit de institucionalización desde a época medieval: Galicia foi un reino pero sen rei, houbo xuntas do Reino pero non eran unha expresión política. Foi máis ben unha sociedade campesiña, moi comunitaria, parroquial, e moi avalada pola igrexa, que foi esencial como cabeza dun universo cultural. En Galicia non houbo unhas elites capaces de comandar ese proceso de construción dun proxecto nacional.


Iago Fuentes Aller
1º BACH A


Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 17-11-2019 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal