Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A CARREIRA DO POLÍTICO OU … POLITICO Á CARREIRA
Ola de novo.
Hoxe córrese a San Martiño en Ourense e seguro que todos están a comentar principalmente do tempo, do mal tempo...
Sen que veña a conto, a cuestión é, que no xornal 24 horas non fala doutra cousa que non sexa política; que se a coalición entre esquerdas, que se a falta de comisario inglés para constituír o 1 de decembro a comisión europea… Todo se fai á carreira, e resulta que se buscas polas redes, aos políticos tamén lles gusta correr e non o fan por moda, porque as modas non son tan longas, parece que o fan por pracer.
Escudriñando as redes, resulta que a moda de correr xurdiu como afección tras o triunfo de Frank Shorter na maratón dos Xogos Olímpicos de Münich en 1972 e a realidade é, que os que poden velo, nunca houbo tantos políticos afeccionados á carreira no Congreso dos Deputados como nestes últimos anos, e non será porque cheguen tarde ao hemiciclo… Corren porque lles achega felicidade. Porque aos políticos tamén lle gusta coidarse. Vai resultar que realmente non son tan diferentes ao resto dos mortais!
Podédesvos crer que mesmo o novo Papa, antes de ser ordenado, tamén era un ‘runner’ afeccionado? É cuestión de saúde. O deporte é san e achega estabilidade emocional e felicidade, sempre que saibas adaptalo ás túas circunstancias. Os entendidos, médicos, nutricionistas, preparadores físicos, din que correr e tamén andar, serve para asimilar mellor os conceptos aprendidos. Así nos atopamos exemplos como o de Zapatero, que se apuntou á terapia de preparar os discursos correndo na súa época de presidente do Goberno e, unha vez que deixou o cargo, aproveitou mesmo para participar na súa primeira media maratón. Iso si, fíxoo no estranxeiro, de incógnito e cun nome falso para que non se lle recoñecese.
De todos é coñecida a boa forma física do expresidente José María Aznar. Parece que se enganchou a esta modalidade deportiva mentres durou o seu mandato. Unha rutina que tamén forma parte doutros ex ministros, Eduardo Zaplana, ao que parece ser que xa nada afasta do 'running' ou o ben querido e xa falecido, Alfredo Pérez Rubalcaba. A lenda di que chegou a baixar dos 11 segundos nos 100 metros na súa época universitaria.
No fondo, os políticos non son tan diferentes a nós. Son un pouco o reflexo da nosa sociedade. A xente adoita deixar o deporte tras saír do colexio e despois volve de maior, cando xa ten unha estabilidade laboral. E entón no mundo enteiro saen nomes como os de Sarkozy, Cameron ou o mítico George Bush que foi capaz de baixar das catro horas no maratón de Houston na súa época á fronte da Casa Branca. Pero máis aló de datos illados, por encima de todo, demostran que o atletismo é compatible con calquera actividade: Correr é un pracer que, ademais, axuda a combater a tensión. Deberían de sumarse máis políticos á sa actividade de andar ou de correr. Así, poderían comprobar en vivo e en directo, as necesidades de todos aqueles que practicamos este deporte: a falta de luminarias, de servizos públicos, de papeleiras… pero tamén da familia que creamos os que como eu, a diario, saímos a andar ou a correr porque só así un se da conta, se cabe, das súas debilidades.
Ou será que practican… por se “as moscas”… Eu polo si ou polo non, cóllolles o rebufo.
Ata a próxima amigXs.



Clara María Domínguez Iglesias
2ºde Bacharelato

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 17-11-2019 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal