Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Retorna a Galicia a Biblia Kennicott, creada na comunidade no século XV
A Cidade da Cultura acolle xa no Museo Centro Gaiás a Biblia Kennicott, obra recoñecida como unha das xoias da ilustración medieval e un dos manuscritos hebreos máis valiosos e fermosos do mundo. Creada na Coruña no século XV, a Kennicott é a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia na Baixa Idade Media e será exhibida en Galicia, un relato no mundo, a primeira exposición internacional do Xacobeo 21.

Custodiada nas Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o manuscrito poderá verse en España por vez primeira máis de cincocentos anos despois do exilio dos seus propietarios, unha importante familia de comerciantes da Coruña que se viron obrigados a marchar tras o decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos en 1492.

A obra instalouse onteno Museo Centro Gaiás tras unha minuciosa comprobación de todas as variables de temperatura, humidade ou seguridade que garantan a súa perfecta conservación por parte da técnica das Bibliotecas Bodleian, que acompañou a obra na súa viaxe desde Oxford, Madeline Slaven.

Tamén foron instaladas en sala outras dúas obras procedentes do Reino Unido que se poderán visitar nesta exposición. Trátase por unha banda da novela de cabalería Pontus e Sidonia, na súa versión traducida por Leonor de Estuardo -filla do rei Xaime I de Escocia e arquiduquesa de Austria- e conservada na National Library of Scotland en Edimburgo. Esta novela, ambientada en Galicia, Bretaña e Inglaterra, contou cunha extraordinaria difusión entre a aristocracia europea dos séculos XV e XVI.

Por outra banda chegou tamén o Mapa de Sawley, considerado un dos mapas enciclopédicos máis antigos conservados, que no século XII representou a catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa. Esta histórica peza consérvase actualmente na Parker Library de Cambridge

A exposición poderá visitarse de balde no Museo Centro Gaiás desde o 15 de novembro ata o 12 de abril de 2020.

Iván Abad Álvarez
4º Eso B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 03-11-2019 13:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal