Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

FORZA AMIGXS
Boas amigXs.
Tras un breve parón, obrigado, por mor dos exames, aquí estamos de novo. Non é que rematasen, non, isto é “sesión continua”, pero temos que retomar esta faceta e encher outra media hora do noso devir diario.
Moitas cousas aconteceron dende fai quince días, cambiaron a hora, houbo folión en Barcelona, avanza o proceso de “impeachment” contra Trump, seguimos a darlle voltas ao Brexit en Inglaterra, estamos en campaña, estivemos de Halloween... uf, isto último case que, a excepción do cambio de hora, podía ser o resumo de todos os acontecementos que vos acabo de citar. E aquí seguimos, facéndonos fortes fronte ás adversidades; sacando das dificultades a enerxía para proseguir. Somos resilientes!
Que verba, verdade? Resiliencia. Lévase moito ultimamente e os especialistas consideran que é fundamental para non fundirse ante a adversidade e ante os problemas.
Son resilientes aquelas persoas que fan da adversidade o motivo para seguir a flote e utilizan as dificultades para aprender delas. Parafraseando a Mahatma Gandhi: “Cando hai tormenta, os paxariños escóndense pero as aguias voan máis alto”. E non é que sexan inmunes ao sufrimento, iso é imposible obviamente, simplemente sábeno levar e sácanlle proveito. Comprenden que detrás da tormenta ven a calma ou que nos días escuros, se buscas, sempre atopas un oco de claridade.
E preguntarédesvos, como é posible? Como pode ser que haxa persoas que non se derruben a pesar dos problemas, dos inconvenientes da vida, dos contratempos a miúdo seguidos e que non dan respiro? Algunhas sinxelamente nacen así; outras fanse pola educación que reciben dos seus pais, irmáns... outras, aprenden a pelexar e sortear as pedras do camiño por si soas, en silencio, curtíndose coas súas propias cicatrices e non deixando que nada ou ninguén as dobregue. Porque, as persoas resilientes teñen, como as xuncas das pozas, a capacidade para ser flexibles cando o vento sopra con forza e saben que ir contra as circunstancias non fai senón desgastar. Pero tampouco se resignan, iso é un signo de debilidade. Se o problema ten solución, búscana e se non a ten, para que perder máis tempo en atopala?
Todos temos as nosas propias batallas coas que pelexar e os recursos para facerlle fronte, tan so temos que descubrir como. Véñenseme a testa dúas frases, destas que ves acotío nas cuncas do almorzo nas tendas de regalos, e que veñen ao conto: “das pedras que atopes no camiño, poderás facer o teu castelo” ou, “o problema non está en tropezar coa pedra, senón en namorarse dela”.
Así que xa sabedes, estamos nun curso, vouno dicir educadamente, “complicado”, “difícil”, “intenso”... pero, vamos aproveitar os pequenos momentos de liberdade, de alegría cos amigXs, coa familia, e como se dun perfume caro se tratara, gardémolos con agarimo para sacar forzas cando o desánimo nos venza. Coller todas as pedras, ou paus... que vos atopedes no camiño e carrexalas ao lombo. Cando rematemos, xa veremos que facemos con elas...
Apertas e forza amigXs.


Clara María Domínguez Iglesias
2º de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 03-11-2019 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal