Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Noticias final Blog 2019
Boas amig@s! Aquí estou de novo unha fin de semana máis.
Non, equivócome. Estaría mentindo se vos dixese que este remate da semana é coma tódolos anteriores, un máis nese calendario que risco día tras día agardando a chegada de… Verán! En efecto, xa sei que oficialmente ata o 21 de xuño non empeza o verán oficialmente ou iso de que “ata o corenta de maio non quíte-lo saio” Pero seguramente sabedes a que me refiro… Por fin remataron os exames! Todo un ano de traballo, de dedicación, de longas horas de estudo acompañadas de nervios, inquietudes e mesmo, ansiedade en certos momentos… chega ó seu fin. Pola miña parte, podo dicir que estou satisfeita, independentemente dos resultados obtidos, orgullosa do incesante labor de estudo realizado dende o comezo de curso. Un ano cargado de experiencias que, ben positivas ou ben “desafortunadas”, non fixeron máis que formarme e “curtirme” se cabe un chisquiño máis nese camiño cara a madurez e a sensatez que debería traer consigo a maioría de idade, e máis de preto, a esixencia que require o vindeiro curso que nos espera… Quen diría que tan só me queda un ano xa! Como pasa o tempo! Pero non pensemos niso polo de agora. Todos sabemos o que temos que facer: relaxarnos e gozar do verán.
Disto precisamente vos quería falar. O certo é que eu xa comezo o meu período de lecer nesta fin de semana co gallo das festas da miña parroquia: As Maravillas. Como estou segura de que moitos de vos nunca escoitariades falar desta miña aldea tentarei facervos un breve resumo do esencial, sobre todo da súa excepcional romaría.
En canto a súa localización direivos que está moi preto da cidade de Ourense, tan só a uns 20km, a un paso da vila de Celanova ou da de Cartelle por se vos serven de referencia.
De todo o que poderiamos comentar, terra de costumes e gran afección polo esotérico e a lenda popular, o máis coñecido da parroquia das Maravillas é a súa romaría e procesión. Trátase dunha tradición que fai a miña aldea distinta das demais e acontece, con tempo establecido e inalterable, sete semanas despois da Pascua, coincidindo sempre co domingo de Pentecostés.
Seguramente chegados a este punto non teredes notado ningún aspecto diferencial con respecto o tipicismo de romarías en aldeas da contorna; porén, só necesito dunha imaxe para amosarvos o que fai verdadeiramente especial a nosa celebración.


En efecto, como poderedes comprobar a procesión loce, énchese de luces, cores e brillantes que camiñan en ringleira pola empinada costa da Augalevada, a estrada principal da aldea, e regresan finalmente á Igrexa, tras un previo recorrido ata “A cruz”, un cruceiro de gran tamaño que se pode ver xa dende a propia estrada de entrada á aldea e que non foi senón doazón a modo de promesa que un devoto lle fixera á Virxe das Maravillas nun intento de curar a súa doenza.
A profesión encabézana dous pendóns que levan na súa cuberta ámbalas dúas bandeiras, a de Galicia e a da propia comarca. A continuación destes dous primeiros estandartes, aparecerán os ramos, un en representación de cada familia da parroquia. Estes, chegan ata dous metros de diámetro de circunferencia, sendo os máis antigos os máis altos e pesados. Tomando, por exemplo o meu caso particular, direivos que o noso ramo familiar continúa sendo a súa primeira edición, elaborado hai máis de .... e sen ningunha modificación na estrutura polo que esta madeira de carballo que o conforma xunto coas bólas de Nadal e as dúas monecas de porcelana (requisito obrigatorio) fan del un estandarte difícil de levar e sobre todo, extremadamente pesado: chegan a alcanzar os cen quilos e son transportados ó lombo durante cinco quilómetros.
Pero, tampouco todo é romaría e traballo, tamén é costume na miña aldea quedar ó remate da procesión no “Campo da festa” e aproveitar para comer unhas talladas de polbo, empanadas e doces variados... Normalmente amenizado pola banda de música de Vilanova que, baixo o centenario carballo, no palco da festa, acompañan a todos aqueles que queiran quedar a deleitarse con boa música, bo “papar” e festa a sobrar!
Así, despídome un ano máis, aproveitando este tempo de lecer que agora nos agarda para comezar convidándovos ás festas da miña contorna. Deséxovos a todos un bo verán, tempo para gozar, coller folgos, descansar... e xa sabedes, quedades tod@s invitados!


Clara María Domínguez Iglesias
1ºBacharelato A/Nº8

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-06-2019 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal