Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Día das Letras Galegas
Boas! Aquí estou de novo outra fin de semana máis!

Espero que estedes gozando destes días de sol que nos acompañan, días de saídas coa familia e amigos, parladoiros interminables que se estenden dende o mediodía ata longas horas da noite e longas tardes de lecer amenizadas polos raios do sol nun parque da contorna… claro, tamén é certo que co remate de curso tan preto, a esixencia e o traballo increméntanse e quizais, teñamos que pospor este tempo de “desconexión” por uns pouquiños días máis; aínda que cabe Deus que se van facer eternos! Pero, se chegamos ata aquí, malo será!

Sexa como fora, cómpre dicir que pontes como a desta fin de semana veñen de perlas para todos, incluso para os que queremos aproveitar para outros “menesteres” non tan agradables.

E xa que o mencionei, véxome na obriga de determe un momentiño e incidir no motivo deste venres festivo.

Estamos acostumados a concibir os días non lectivos unicamente como precisamente iso, non acudir nin a traballo nin a escola; sen embargo, deberíamos ser conscientes do que con eles se intenta conmemorar. Así, desta vez foi o 17 de maio, unha data sinalada para todos os galegos e galegas, día de exaltación da nosa Terra e homenaxe a todos aqueles escritores e escritoras que destacaron na defensa, cultivo e promoción da nosa lingua e cultura. Sendo así, por fin chegamos o motivo desta miña aportación semanal: desta vez véñovos a falar de Antón Fraguas Fraguas o galardoado neste ano e “traballador silencioso” a prol da nosa Patria.

A historia de Antón Fraguas ben podería ser a de calquera dos novos avós; nenos de pobo nacidos e criados na aldea e con fondas raíces na terra, fillos de emigrantes ou mesmamente emigrantes eles, amorriñando pola patria galega.

E digo ben, podería ter sido, xa que un compendio de fortuna, esforzo e bo facer, quixo que este neno labrego, como di aquela obra de Xosé Neira Vilas, se convertera nunha figura tal que, no ano en que andamos, a Real Academia Galega da que el mesmo formou parte, ocupando a cadeira do seu benquerido profesor e logo compañeiro, Castelao, decidira dedicarlle o día das Letras Galegas o ano que se cumpre o vixésimo aniversario do seu pasamento (1999-2019).

A obra do erudito Antón Fraguas Fraguas, xeógrafo, historiador, arqueólogo, etnógrafo, biógrafo e a súa faceta por el máis salientable, docente, está marcada polo seu empeño en documentar, transmitir e reivindicar a cultura popular galega.

Non vos vou aburrir con biografías e obras deste autor porque de seguro, que algún que outro traballo xa fixestes sobre o tema; era soamente cuestión de recordalo e como el mesmo diría:

Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio.

A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron ó longo dos anos, traballan agora e seguirán traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia.

Por amor á nosa Terra.

(Antón Fraguas Fraguas)

Ata a vindeira semana amigXs.

Que vos sexa levadeira…




Clara María Domínguez Iglesias
1°Bacharelato A/N°8
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 19-05-2019 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal