Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Falemos de política
Boas tardes amigXs.


Hoxe, aínda pensando que non me gusta tratar sobre determinados temas, política, relixión, fútbol… ben é certo que necesito facer unha crítica, e non construtiva precisamente, a todos e todas, eses e esas, “aspirantes” a políticos e políticas, Ourensáns e Ourensás, a excepción do PSOE, que hoxe domingo 12 de maio de 2019, sen ningún tipo de respecto, seguían facendo campaña na rúa do Paseo, para as eleccións municipais do 26M.


E como di a miña nai, “sen ter afinidade a ningún partido, cuestión pola que me permito o luxo de criticalos ás miñas anchas”, e tendo en conta que, nin sequera teño idade para votar, non creo que diga moito a favor dos/as nosos/as futuros/as representantes no concello e municipios, que mentres enterraban a un dos mellores políticos socialistas que España coñeceu, eles/as seguisen facendo campaña. Non se lles perdería nada se tivesen un pouco máis de respecto; e volvo repetir, non o digo eu, dino todos os xornais de tirada nacional e rexional, porque leas o que leas, todos son eloxios en favor da figura de Alfredo Pérez Rubalcaba. Pero, tomando unha frase lapidaria da que todos tamén se fan eco, orixinal do propio Alfredo Pérez Rubalcaba no ano 2014, unha vez perdidas as eleccións xerais fronte a Mariano Rajoy, “en España entérrase moi ben…”


E dito isto, que por outra banda, tampouco é que me despachara a gusto, comentarvos algo totalmente distinto e que persoalmente a min gústame horrores, “Mafalda”. Si, oístes ben, Mafalda. Para todas aquelas persoas ás que como para min, Mafalda representa a imaxe do inconformismo, a irreverencia, a revolución… o xornal El País saca a partir do domingo 19 de maio, unha colección para celebrar que esta tira de prensa orixinal de arxentina e creada polo humorista gráfico Quino, cumpre 55 anos.


Para aqueles e aquelas que aínda non saibades quen é Mafalda, direivos que Mafalda é o personaxe dunha nena de clase media “arxentina”, creado no ano 1932 por un encargo publicitario que saíu mal, que se mostra preocupada pola humanidade e a paz mundial e rebélase contra o mundo legado polos seus maiores. Tamén vos direi que o que máis me chamou a atención é a recompilación que fixo o seu autor, baixo o título Mafalda: feminino singular, dos 50 anos de feminismo. Nesta recompilación, Quino convida á reflexión sobre o machismo e o papel da muller a través das aventuras dos personaxes de Mafalda. Mafalda representa a nena que non deixa de protestar e desafiar o “ status quo”; ela, a súa nai e as súas dúas amigas, Susanita e Liberdade, axúdannos a ver que hai moitos tipos de feministas e mulleres. Se Mafalda é o estado reivindicativo do feminismo recente, a súa nai e Susanita son as mulleres ancoradas no pasado; mentres que Liberdade vén dunha familia onde a nai traballa e a súa visión do papel da muller é completamente distinta.


Aquí vos deixo un anticipo das tiras cómicas de Mafalda nesta edición de crítica social á muller sometida, denigrada e relegada ao papel de “os seus labores”.


Apertas e ata a semana vindeira…



Clara María Domínguez Iglesias

1°Bacharelato A/N°8

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 12-05-2019 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal