Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A Xunta apoia a implantación de sete novos viveiros industriais nos polígonos galegos
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou esta mañá dos apoios concedidos a un total de sete concellos galegos para implantar viveiros industriais.

En total, a Xunta concede 1,5M€ a estes proxectos para a construción, reforma ou equipamento de naves industriais destinadas a viveiros industriais de empresas nos que se investirán un total de 2,36M€ e que poderán albergar a 29 compañías e xerar 40 empregos.

En concreto, implantaranse catro infraestruturas na provincia de Lugo (nos concellos do Corgo, Castro de Rei, Portomarín e Paradela), unha en Silleda (Pontevedra), outra en Vilar de Santos (Ourense) e tamén nas Somozas (A Coruña). Dos sete concellos beneficiarios, tres -O Corgo, Silleda e Vilar de Santos- son emprendedores (o que lles outorgou prioridade para acceder ás axudas resultando ser os tres con maior puntuación).

Todos os beneficiarios reciben unha axuda que vai, como máximo, ata o 80% do orzamento cun límite de 240.000 euros e deberán realizar o proxecto antes do 31 de outubro deste ano. Ademais, comprométense a convocar entre xaneiro e xuño de 2020 un procedemento para seleccionar as empresas que se poderán instalar nestas infraestruturas.

Con esta orde de axudas, a Xunta busca mellorar a competitividade da oferta de solo empresarial galego como elemento dinamizador da economía e do emprego a través duns espazos físicos, os viveiros, que pretenden apoiar o nacemento de novas empresas de carácter industrial. Estas instalacións axudan, ademais, a dinamizar a economía dos concellos rurais, fixando emprego e poboación nestes territorios.
Beatriz Abundancia, 2ºBach.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 17-04-2019 15:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal