Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Atopan no Histórico Provincial de Ourense manuscritos dun colaborador de Alfonso X dos séculos XIII e XIV
O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) garda na súa colección de pergameos un valioso manuscrito, recentemente identificado, da obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega, estreito colaborador do rei Afonso X (1252-84). Trátase de dous fragmentos ?un bifolio e unha folla solta? en castelán das «Vidas y pasiones de los Apóstoles», datables a finais do século XIII ou comezos do XIV, que constitúen o testemuño máis antigo conservado desta obra, da que até agora só se coñecían algunhas copias tardías (desde segunda metade do XIV até comezos do XVI) en latín, castelán e portugués.

Os fragmentos en cuestión teñen o valor engadido de pertenceren a un códice haxiográfico moi coidado, seguramente de procedencia rexia, en que se copiaría a tradución castelá íntegra do libro II de Bernardo de Brihuega sobre a vida e as paixóns dos apóstolos. Neste caso, o contido conservado nos dous fragmentos correspóndese con varios capítulos da vida e paixón de Santo Tomás, San Marcos e San Andrés.

É moi relevante, ademais, que o bifolio fora reutilizado como capa dun libro de apeo dos bens do convento feminino de Santa Clara de Allariz, único mosteiro galego de fundación real, pois permite reconstruír o itinerario cultural do códice desde a corte castelá até o territorio galego e a súa eventual difusión ao reino portugués nas primeiras décadas do século XIV.

A colección haxiográfica de Bernardo de Brihuega, compilada baixo o mecenado do rei Sabio, estaba composta por cinco libros sobre a historia da Salvación e dos seus protagonistas a partir do Novo Testamento: a vida de Xesús e de Santa María (libro I), as vidas e paixóns dos apóstolos (libro II), as paixóns dos mártires (libro III), as vidas dos confesores (libro IV) e as vidas das virxes (libro V).


Alba Osorio 2º Bach
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 15-04-2019 00:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal