Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O colapso das máquinas...
Boas! Aquí estou outra semana máis con novas para comentar!
Como ben saberedes, a miña contribución a este blog na maioría dos casos non se reduce a unha simple paráfrase de noticias da actualidade nacional ou internacional. Non. Eu, a título particular, son máis de comentar anécdotas do meu día a día, reflexións e opinións persoais que, a risco de resultar non ser do agrado do lector, considero incluso necesarias para saír dese círculo de datos e información cos que xa chegará o tempo de tratar durante o resto do día. Ademais, non se di que o bo está na variedade?
Desta forma, seguindo coa miña dinámica habitual, hoxe gustaríame falarvos sobre un suceso desta xa pasada semana que me fixo cavilar “un chisquiño”... Xoves, día 4 de abril, o colapso das máquinas. Pois si, casualidade ou non, ao longo do día, cada un dos lugares que visitei non contaban cos seus aparellos tecnolóxicos en correcto funcionamento: fallos na rede, avarías eléctricas, arranxos inesperados... Sexa como fora, colexio, administración pública ou academia, tódolos coincidían: sen medio tecnolóxicos á súa disposición non había que facer!
Todo isto deume en que pensar...
Ben é certo que mesmo aqueles que nos consideramos “libres” do influxo da tecnoloxía, estamos sometidos. Neste punto, cómpre destacar (moi ó meu pesar) o perdidas que se sentirían as novas xeracións sen acceso a Internet, sen ordenadores, sen taboleiros dixitais ou esta nova “nube” virtual. Porque, sexamos honestos, máis alá dos problemas que nos poderiamos atopar á hora de elaborar un traballo (acudir ás bibliotecas a recoller información a man!) ou modificar técnicas de estudo , o máis preocupante chega no relativo á adición ás novas tecnoloxías.

Hai pouco que lin unha cita que resumiría todo o que vos acabo de comentar. O enunciado dicía o seguinte: “Hoxe caeu Internet e tiven que pasar tempo coa miña familia. Parecen boa xente”. Como vos quedades? En efecto, estamos tan absortos nunha pantalla que xa non nos decatamos nin de que existe máis xente ó noso redor. Coa tecnoloxía estase a perder esa relación persoa - persoa, o contacto, a empatía... estremecémonos cando falamos de que a tecnoloxía se está “humanizando” pero máis pavor me provoca o feito de pensar en que un día os humanos nos poidamos converter en “máquina”, fríos, distantes e a pendentes dun “chip” virtual.
Ante todo tamén me gustaría resaltar que durante esta miña intervención téñome dirixido especialmente a un sector adolescente; sen embargo, máis alarmante me parece o caso de adultos, persoas con certa idade e razón que en lugar de predicar co exemplo resultan ser todo ó contrario: escravos tamén dunha tecnoloxía emerxente que, de ser empregada ó seu debido xeito, resultaría en gran beneficio para toda a humanidade. Pecamos de exceso e iso sabémolo todos pero, xa é outro tema para falar largo e tendido polo que terá que quedar para outra. Desta, xa me despido. Espero tervos sido de agrado. Ata a vindeira!




Clara María Domínguez Iglesias
1ºBACH A/Nº8

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 07-04-2019 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal