Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O tempo e as flores
Boas amigXs.
De novo aquí estamos escribindo catro verbas neste blog, esperando que esteades a gozar do día.
Centos de temas que tratar e soamente se me ven ao pensamento “o tempo”. Pero non o tempo cronolóxico, non, refírome ao tempo meteorolóxico.
O pasado xoves, 21 de marzo, entrou a primavera e con ela o astro sol déixase ver con máis claridade. Ós días medraron, xa o di o refrán, “por San Blas, hora e media máis”.
Tiñamos gana de luz, de calor, somos latinos… e que me dicides dos cereixos, dos melocotoeiros, dos albaricoques e das ciroleiras… todos en flor locen preciosos. Nalgún sitio lin que en Xapón celebran o “hanami” que consiste en observar as árbores en flor para celebrar a metáfora da fugacidade da vida e da beleza, así que, nun momento en que a falta de tempo impera nas nosas vidas e na que por este e por outros moitos motivos xa non nos abraiamos ante a beleza natural, négome, párome, tomo un respiro, e baixo un cereixo en flor apoiada no seu tronco ergueito. Por uns instantes, esquézome de toda preocupación...
Ausencia total de coacción externa, malas vibracións e pensamentos tóxicos que derivan dunha vida “de présas e nunca” na que de vez en cando cómpre frear, tomar alento e prestar atención ás marabillas que nos rodean. Son estes os pequenos praceres que día tras día deixamos escapar; escorregan, esvaran como pingas de auga sobre un coche “costa abaixo e sen freo” no que cada un de nós ten o control; a responsabilidade e a necesidade de manterse firme ó volante...
O que se pode conseguir dun momento de calma, sol e recendo a primavera! Iso, e a novela filosófica “El mundo de Sofía” que me acompaña nesta tarde... todo axuda!
AmiguiñXs gozar do domingo e da semana, que semella que ben quentiña!
Apertas e ata a vindeira.




Clara María Domínguez Iglesias
1ºBACH A/Nº8>



Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 24-03-2019 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal