Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AS RAPAZAS DO “RADIO”. AS RAPAZAS “PANTASMA”
Aquí estamos de novo unha fin de semana máis.

Non teño moito tempo para dedicarvos xa que estamos en plena semana de exames e tampouco é que o maxín me dea para moito. Algúns pensaredes que escribir neste blog é tarefa de coser e cantar; para min non. Neste espazo pretendo satisfacer a miña curiosidade e ao mesmo tempo compartir convosco temas que, de non ser así, seguramente nunca trataríamos ou nunca teríamos por diante.

Así é pois que, nun intre de descanso entre horas e horas de estudo, collín o xornal diario e atopei a revista XLSemanal. Inmediatamente chamou a miña atención un artigo escrito por Fátima Uribarri que leva por título A traxedia das ‘chicas radiactivas’. Sen ver o artigo podedes mesmo chegar a pensar que se trata da última película adaptada de Marvel e si, verdadeiramente do que trata o artigo é digno de facer unha película, pero de terror! Na maioría das ocasións, a realidade supera á ficción!

Trata sobre unha traxedia real e espantosa que conta a periodista británica Kate Moore no libro “Las chicas del radio” da editorial Capitán Swing.  É a recreación con todo detalle do drama sufrido por Amalia Maggia, unha rapaza de vinte anos estadounidense á que chamaban Mollie. Contando a traxedia de Mollie, documenta a contaminación radioactiva que “acabou pouco a pouco” con miles de traballadoras de Estados Unidos, dende 1947 ata os anos trinta (I Guerra Mundial).

E digo traballadoras porque, entre outras aberracións, neste artigo indica que as mulleres “perderon os dentes e os ósos das mandíbulas, deformadas por tumores”; “chupaban radio para traballar e os seus xefes dicíanlle que era inocuo“. “O radio era o produto de moda; botábase na auga, na roupa, nos perfumes, na comida... dicían incluso que rexuvenecía.” Mollie morreu aos 24 anos desfeita literalmente e como ela todas e cada unha das traballadoras da US Radium Corporation e iso a pesar de que incluso Thomas Edison  alertara de que o radio podía producir efectos irreversibles e irreparables. O máis patético é que a empresa, modificou todos e cada un dos informes médicos das traballadoras, comprando a médicos e avogados e así, nos partes de defunción, figuraba que morreran de sífilis.

Cabe indicar, sen entrar en máis discusión, cada un/ha que pense o que desexe, que os homes traballaban con equipos de protección: mandís forrados en chumbo e pinzas de marfil para manexar o radio. Houbo que esperar a que o primeiro empregado varón da empresa morrera para que os expertos fixeran algo ao respecto.  

A partir da morte en 1924 de Mollie, outras traballadoras morreron e algunha como, Grace Fryer entre elas, en 1927, moribunda, chegou ata os tribunais de xustiza para testificar, sen dentes, cun corpiño para suxeitar as costas e en cadeira de rodas. Tan sequera puido levantar o brazo para prestar xuramento de dicir a verdade. O seu caso deu a volta ao mundo e tivo a sorte, se así se pode chamar, que os xornais se puxeran da súa parte, entre eles, o New York World. Marie Curie soubo do caso máis non puido facer nada porque “cando o radio entra no corpo non se pode destruír”. O radio tamén matou a Marie Curie en 1934.

Foi un proceso longo e traumático no que moitas se quedaron polo camiño. Loitaron coa morte nas costas, con enormes dores provocadas por tumores en todas e cada unha das partes do seu corpo (cadeiras, pes, mandíbulas, boca, mans, nocellos, xeonllos...) Fixérono coa certeza de que todo chegaba tarde para elas pero coa esperanza de darlle un futuro mellor ás traballadoras que estaban no seu lugar. Incluso chegaron a conseguir que exhumaran os restos de Mollie para que “lavaran a súa reputación” (por se non o sabedes, naqueles anos, morrer de sífilis era sinónimo de dedicarse á prostitución).

No artigo explica con máis detalle os padecementos destas traballadoras, máis paréceme que o mellor é que vos mesmos o leades e incluso podedes facer o que eu, comprar o libro xa que me parece unha parte da historia fascinante pero que, por algunha razón, seméllame que aínda permanece oculta.

Pouco máis podo dicirvos. Como di a autora do libro:

É o momento de honrar ás “rapazas pantasma”. Brillaban por dentro por culpa do radio, pero brillaban moito máis por fóra. A súa coraxe e tenacidade conduciron a cambios nas condicións laborais de centos de traballadoras que viñeron tras elas, á investigación sobre a enerxía nuclear e a salvar miles de vidas.  





Clara María Domínguez Iglesias

1°BACH A/N°8

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 27-01-2019 22:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal