Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O maquinista do Alvia: «Pódome sentir responsable, pero non culpable. Antes que eu fallaron máis»

«No momento no que van no tren, eses pasaxeiros son meus, eu son o que ten que coidalos». A frase pronunciouna onte Francisco José Garzón, o maquinista que conducía o tren Alvia sinistrado en Angrois o 24 de xullo do 2013. Fíxoo con bágoas nos ollos ante unha cámara de televisión. As mesmas que derramara na súa comparecencia na comisión de investigación sobre o accidente que se desenvolve no Congreso dos Deputados. Abatido, nunha entrevista emitida onte polo programa da Sexta Leala Pardo, Garzón apelou ao dicionario para explicar como sente: «O que mire o dicionario e vexa a palabra culpable e vexa a palabra responsable, entenderao ben». E continuou o seu argumento: «Con todo o respecto ás vítimas, pódome sentir responsable, pero non culpable. Responsable porque son o último elo e o que non pode fallar. Pero son humano».

No accidente morreron 80 persoas e máis de 140 resultaron feridas, pero para Garzón «é igual una que oitenta, con todo o perdón e o respecto ás vítimas. Canto vale unha vida? Non me cansarei de pedir perdón. Perdón, perdón, perdón». E volveu pedir perdón como xa fixera, cando se cumpría o primeiro aniversario do accidente, nunha carta ás vítimas publicada no libro O peor día de Galicia, de La Voz de Galicia.

Imputado, xunto ao exdirector de seguridade de ADIF, Andrés Cortabitarte, no proceso xudicial que se segue nun xulgado de Santiago polo sinistro, Garzón sabe que o cárcere é unha posibilidade. E sobre ela di: «Se hai que entrar, éntrase, pero eu teño a conciencia moi tranquila de que eu tiven un accidente. Nada máis». E insiste de novo nas vítimas: «Agradézolles que non se ensañen comigo e comprendo ás que non me poidan perdoar».


Iago Fuentes Aller
4º ESO B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 20-01-2019 23:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal