Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

VIVAMOS O NADAL!

Boas amigXs.

Aquí estou novamente o día despois da lotería de Nadal, que vaia por diante, non me tocou. Pero, como diría a miña bisavoa, que Deus dea saúde e traballo.

No primeiro estou totalmente de acordo; En canto ao segundo, tería moito que dicir porque como pillara eu ao que inventou o traballo…

Xa estamos de vacacións, aínda que non o semella, e xa podemos con máis ou menos atino, pasear polas nosas rúas e gozar do ambiente de Nadal. As tendas relocen adornadas con grilandas e luces de cores, co Papá Noël nas portas. A iluminación das rúas, con piñeiro incluído na Praza Maior. Non vos decatastes que as luces nas rúas ían aumentando a medida que pasaban os días. O malo disto é que os que visitamos nestes días outras cidades de Galicia puidemos comprobar que a empresa que as colocaba era a mesma e que as
que se ían colocando en Ourense, casualmente, xa estaban colocadas en A Coruña por exemplo. Sería unha mágoa que Ourense se proveese das luces de cores que sobran nas outras vilas de Galicia. Pero en fin…

E falando de luces, estou moi anoxada co Concello de Ourense e xa sei que dende aquí non fago nada, pero polo menos desafogo. Levan sen iluminar o paseo que vai dende o barrio do Polvorín ata o Lidl e o Carrefour dende fai mínimo dous meses. Camiñar ás sete da tarde polo sendeiro do río Barbañica supón un auténtico perigo pola falta de iluminación e non penso que esteanmn as cousas como para arriscar a integridade física das cidadás e dos cidadáns que utilizan ese paso, ben para facer as compras ou ben para facer exercicio. Vou deixar aquí o tema porque senón corro o risco de quentarme e dicir o que penso e ás veces, vales máis polo que calas que polo que falas.

Hoxe non pensaba en escribir neste blog xa que ao estar de vacacións tamén vos daba vacacións a vós, polo que me pillades un pouco nos biosbardos. Acabo de chegar de Ourense e dou grazas a Deus porque queda intransitable. Que de xente de aquí para acolá! Chocas con todo o mundo que está facendo as compras de última hora, aturando colas interminables para pagar, os tira e afrouxa que semella que estean nas rebaixas. Nas cafeterías, un balbordo que non se pode tomar un café tranquilo e sosegado. Non se respira! Señoras e señores, tranquilidade por favor, que non se acaba o mundo. Vivan esta época con tranquilidade. Non me asombra para nada que haxa quen diga que non lle gustan estas datas.

Pero non o comparto. A min encántanme. A casa cheirando a leña no lume da cheminea, as películas na televisión, o cheiro a doces, arroz con leite, rosquillas, pan doce… a comida da Noiteboa, todos ao redor da mesa, sen esquecer aos que xa non están pero sen chegar a ser agonías e augarlle a festa aos que temos ao redor.

Gozo o Nadal e aproveito cada momento todo o que podo e con grande ilusión. Encántame os escaparates cheos de luces e grilandas e o movemento que se respira nas rúas e en cada esquina o cheiro a doces, churros. Encántame que a xente poña as súas casas bonitas e porque non, que non falte a tradición do Belén, aínda que por riba da cheminea estea o Papá Noël ben grande, deses que se venden nos chinos de Ourense que teñen unhas patas longas, longas. Encántanme estes días porque á xente espértaselle o seu lado máis solidario; durante o resto do ano semella estar aletargado. Pero que vos vou contar, algo e algo, e se o Nadal serve para que nos decatemos de que ao noso carón hai xente que o pasa mal, pois tamén, que viva o Nadal e compartamos.

Detrás do Nadal ben o Ano Novo e algúns din que é o momento de facer borrón e conta nova. É coma un libro en blanco que temos que ir enchendo coas nosas vivencias, non sempre acertadas, con momentos inesquecibles, coa vida en definitiva.

Rapaces e rapazas, con sentidiño, vivamos o Nadal!

Clara María Domínguez Iglesias

1°BACH A/N°8


Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 23-12-2018 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal