Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

TRANSCENDENCE
Bo día amigXs.

Domingo de choiva, frío… Pode que sexa por iso ou que hoxe estou un pouco máis sensible co tema. Estiven vendo “a cachos” esta fin de semana, unha película que se titula “Transcendence”, con Morgan Freeman e Johnny Depp como protagonistas. Johnny Depp encarga ao Dr. Will Caster, investigador de intelixencia artificial que traballa para crear unha máquina que posúa consciencia colectiva e autosuficiente, mentres un grupo de extremistas que se opón ao avance tecnolóxico, márcao no seu punto de mira para evitar que alcance a súa fin. E como na maioría das ocasións, a realidade supera a ficción, abro o ordenador, busco noticias desta fin de semana e atopo en El País, dixital:

Europa prepara aeroportos para drones, corredores aéreos, normas e sistemas de xestión do tráfico
A rede de telefonía móbil servirá para controlar case oito millóns de aparellos voadores.

Un calafrío me invade!

Por un lado, avance, tecnoloxía, era dixital, androides… e polo outro, volver ao antigo, ao vintage, á comida da avoa… poténciase o natural, dáselle máis valor a todo aquilo que nos devolve ás nosas raíces.

Que contraditorios podemos chegar a ser!

En centos de ocasións repetín e volvo a repetirme, que estou a favor dos avances tecnolóxicos e sobre todo, dos avances médicos. Claro que para min, están intrínseca e inexorablemente unidos. Pero son sincera ao dicirvos que me causa pavor ver á velocidade que se fai todo.

A tecnoloxía, é certamente positiva; Axúdanos a resolver problemas cotiás de forma fácil. Só con darlle a un botón accedemos a centos de cousas que fai anos era impensable. E non digamos no mundo das comunicacións, a telefonía móbil é certamente valiosa, podemos comunicarnos con calquera persoa, en calquera lugar do mundo, de forma fácil, rápida e cómoda.

Pero sexamos realistas, cada vez somos máis cómodos e en certo modo, inútiles. Estamos acostumados a que todo o resolvan as máquinas co problema que isto supón porque, sabedes que se non utilizamos as neuronas, chicXs ATROFIÁNSE!
Onde queda o bo costume de ler un libro en papel… para que, se agora con ter unha aplicación no móbil, por exemplo, Kindle app, xa solo tes que escoitar!
Escribir, coller un lapis e papel, facer un esbozo… para que, se agora o teu ordenador ten programas boísimos que o fan en 0 coma.
Os móbiles… que bo invento utilizado para a súa auténtica finalidade. Pero que perigo! Cantas persoas, sobre todo adolescentes e cativos e cativas, cada vez a idades máis novas, están enganchadXs ás redes sociais e a exhibir publicamente toda a súa vida e intimidades persoais e familiares? Co perigo engadido que isto conleva.
Podería seguir así un cento de anos, ben, case. Poñendo exemplos do porque a tecnoloxía nos está derrotando. Non a usamos debidamente e pode supor un auténtico perigo.
Coma sempre, a historia repítese, e os mellores inventos e os mellores avances tecnolóxicos poden acabar por revelarse contra a especie que os desenvolve. Neste caso, o ser humano.
Non podo deixar de esquecerme neste momento daquela máxima de Hobbes, “o home é un lobo para o home”. O único interese polo que o home en canto persoa, se une en sociedade, é para sobrevivir. Pero aquí tamén xorde un problema debido a que nese instinto de defensa, movémonos guiados por intereses egoístas, somos intolerantes e posesivos. Por outra banda, tamén recordo a Jean Jacques Rousseau que pensaba que “o home é bo por natureza e que é a sociedade quen o corrompe”. Ao final é todo o mesmo. Vivimos nunha sociedade en que cada persoa loita polo seu propio interese, por manterse nun status, cuns privilexios a costa de todo e de todos. Ensínannos dende cativos a competir, como única forma de acadar os nosos sonos e obxectivos nesta vida. E claro, aquí xorde a cuestión. Aquela persoa que teña a suficiencia habilidade para “aproveitar” esta circunstancia e utilizala ao seu favor, será o ou a que chegue a controlar, vamos dicir, a situación, adecuándoa ás súas ideas e expectativas mentres o resto da “especie”, quedará á súa mercé.
Sinto, hoxe levanteime no plano derrotista! Pero sempre queda un indicio de esperanza.
Esperemos que o ser humano sexa capaz de acadar todos os logros e avances que sexa capaz de soportar. Que os utilice da forma correcta e para acadar fins que o fagan ser máis feliz, para amosarse así mesmo que a natureza humana é boa e solidaria.
E preparáidevos para dentro de nada ver coches voando.
Agora xa non vale aquela frase “viches un burro voando”, agora serán drones e coches.



Clara María Domínguez Iglesias
1ºBACH A/Nº8
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 18-12-2018 16:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal