Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Por que Os Maios?
Bo día amig@s.

Esta fin de semana a miña entrada neste blog vai ser dunha festa de grande tradición na cidade de Ourense e que se celebra hoxe domingo día 6 de maio.

Estou a falar da festa dos Maios, ou como nos a
coñecemos “Os Maios”. Unha festa popular cuxa orixe ven de lonxe.

Ao igual que outros ritos e cerimonias, esta festa é resto dun antigo culto de carácter agrario que se foi perpetuando ao longo da historia, variando algunhas das súas características primixenias, segundo o lugar no que se celebra. Porque a festa dos Maios non é exclusiva de Ourense, celébrase en moitos lugares de Galicia. Pontevedra é unha das provincias que máis goza desta celebración en Galicia. Aínda que tamén se celebra fóra das nosas fronteiras galegas e incluso españolas.

Esta celebración pertence ás festas que, dende a historia dos tempos, se celebraban no chamado “ciclo de maio”, que é o tempo comprendido entre a última semana de abril e que se alonga ata a festividade de San Xoán, o 24 de xuño, coincidindo co solsticio de verán. Direivos que a súa finalidade era bendicir á xente e os campos de cultivo para conseguir abundante colleita, celebrando o final do inverno e festexando a aparición dos primeiros froitos.

En verbas do noso galego ilustre, Vicente Risco, “a festa dos Maios, é a festa da primaveira, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Significa o reverdecer das prantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do hourizonte e coller altura e forza...”

Na nosa cidade, Ourense, celébranse o día da festividade de Santa Cruz, que na tradición cristiá representa a árbore da vida, a saúde e a resurrección.

Chámaselle “Maio” tanto á celebración como ás
representacións que se fan para a ocasión. Vicente Risco nunha das súas xuntanzas na antiga cafetería Royalty describía a figura dos Maios: “Es una armadilla piramidal o cónica, cubierta de musgo y flores…”

Acompañando ás figuras cónicas recítanse e cántanse coplas ou diálogos que teñen unha finalidade crítica. Tratan de por énfase no devir da cidade e denunciar os problemas sociais, criticando e incluso satirizando a vida política da cidade de As Burgas.

Disque as coplas más críticas se redactaban clandestinamente na cafetería Royalty, entre tertulias e disputas entre os intelectuais da época. Vicente Risco, Xaquín Lorenzo Xocas… Din os entendidos que redactaban os versos clandestinamente e os cedían a outro. Eran os poetas anónimos dos Maios. Unicamente a festa dos Maios permitía levantar a voz en forma de copla e denunciar os problemas sociais na cidade de As Burgas. Entre referencias a caciques, pobreza e mala xestión da administración local, temos coplas gardadas na memoria dos ourensáns, como a da "Probe Conceución", que protesta polo traslado da estatua e sinala culpables e cómplices: "A probe señora sin faguere nada van a castigar e vai ser desterrada. O Ayuntamento puxo gran empeño, secundando a idea de un que é madrileño".

Ese carácter crítico e de denuncia do Maio, hoxe ademais é premiado, xa que agora é costume facer competicións, premiando as mellores esculturas e as mellores coplas.

Pero os Maios non se celebran igual en todas partes. Se facemos unha breve excursión polos recunchos de Galicia, atopamos que no Norte, de Maio fai un neno que recibe o nome de Rei do Maio, desfilando coas roupas totalmente cubertas de flores, hedras, fiúnchos... En Pontevedra , a estrutura, de forma cónica, está feita de varas recubertas da mesma forma que nas outras localidades, pero adórnanse con flores, laranxas, cáscaras de ovo... O ritual inclúe o roubo, máis ou menos encuberto, dos elementos necesarios para facer o maio. O neno, que canta o maio, escóndese dentro del mentres recita as letras das coplas, que ao igual que en Ourense, tamén son en ton burlón, crítico ou satírico.

En Ourense, seguimos a mesma tradición. Pero aquí a forma do maio pode ser diversa: canastros, cruceiros, potes... segundo a imaxinación dos que o realicen ou o tema que se queira criticar.

Tamén son coñecidos os Maios que saen en Marín, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Caldas de Reis, Allariz, o Barco de Valdeorras e Verín pero non vou entrar aquí porque sería moi extenso.

Pero dende logo eu quedo cos Maios da miña cidade, dispostos na soleada rúa do Paseo e no
Parque de San Lázaro. Neste esplendoroso día de sol, animarvos e saír e contemplar o magnífico traballo feito por moita xente que goza con esta festa enxebre da nosa Galicia.

Aproveitar que hoxe, primeiro domingo de maio, celébrase ademais o día das nais.

Felicidades!

Unha aperta e ata a semana!

Clara Mª Domínguez Iglesias 4ºB
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 06-05-2018 15:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal