Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O Resis Festival racha cos clixés arredor da música contemporánea
Establecer “unha conversa de ida e volta” coa veciñanza arredor da música contemporánea. Ese é o principal obxectivo do Resis Festival, que ofrecerá unha batería de actividades gratuítas os días 2, 3, 12, 18 e 26 de maio. Desde concertos de música clásica entre os tiburóns do Aquarium até un recital musical con cata de viños, o festival coruñés será unha plataforma multidisciplinar na que experimentar outros xeitos de saborear a música.

“Hai moitos clixés ao redor da música contemporánea e o obxectivo deste festival é desmontalos. Queremos que estes eventos sirvan para que o público da Coruña poida explorar novas formas de son”, explica Hugo Gómez-Chao Porta, compositor e director artístico do festival. Como explica o tamén compositor e produtor do festival Ramón Otero, o evento está deseñado para todos os perfís de público e non só para aqueles amantes da música clásica e contemporánea. “Para participar no festival só precisas arrincar os prexuízos e ter curiosidade”, engade.

O Resis Festival está composto por oito eventos entre os que se inclúen concertos, conferencias, instalacións sonoras e intervencións audiovisuais. “Mesturaremos a música con outros elementos como o vídeo, a interpretación ou os recitais. Esta unión é algo moi propio da arte contemporánea e fai que o público poida vivir unha experiencia única”, aclara Otero.

A música contemporánea conquistará espazos icónicos da cidade como a Igrexa de Santiago, o acuario Finesterrae, a casa museo Emilia Pardo Bazán ou o edificio da Audiencia Provincial da Coruña. “A música é un fenómeno acústico e desenvólvese de forma distinta segundo o espazo onde soa. Nunha igrexa, por exemplo, a voz ten unha proxección diferente, mentres que ver un concerto nun acuario, cos peces de fondo, achega unha conexión única co que se está escoitando”, xustifica Gómez-Chao Porta.

O Resis dará inicio esta cuarta feira ás 19:30 horas co encontro ‘O instrumento como arquitecto do son’. Será na aula de cámara do Conservatorio Superior de Música e participarán Fernando Buide del Real, Ramón Otero e Hugo Gómez Chao. O próximo sábado 5, a Fundación Luis Seoane acollerá ás 12 horas ‘Do poema ao corpo sonoro’, un dos eventos dentro do ciclo ‘El tiempo menos solo’. Intervirán Manuel Borrás, Abraham Gragera, Luz Arcas e Hugo Gómez Chao.

Ás 21 horas na igrexa de Santiago, o ciclo fechará coa estrea absoluta do concerto ‘Sobre poemas de Abraham Gragera’, interpretado por Hugo Gómez Chao Porta, que tamén porá fin ao ciclo ‘El tiempo menos solo’. Unha hora antes, no Aquarium Finisterrae o público tamén poderá gozar con outra estrea. Desta volta, será o grupo instrumental S. XII quen amenizará o solpor coa obra ‘Kalligraphie. Música para o que non está escrito’.

O día 18, a artista Romina Casile apresentará a súa intervención audiovisual ‘La inquietud de las cosas’ na Casa Museo Emilia Pardo Bazán. O mesmo día ás 20 horas, a fundación Luis Seoane ofrecerá a instalación sonora PASAX3S, unha reflexión sobre o tránsito e a necesidade e riscos de desprazarse emocional, física e mentalmente. Ás 20.45 horas e no mesmo lugar, Florian Vlashi e Eva Vieites serán os encargados de encher de música a noitiña co seu concerto ‘Sinais, xogos e mensaxes. Visións do 68’. Por último, o Resis Festival porá o broche final da súa primeira edición o sábado 26 co concerto de Carlos Marín Rayo ‘Nocturnos’. Será ás 20.30 horas na sala Emilia Pardo Bazán da Audiencia Provincial da Coruña.






Candela Fernández del Pon, 2ºBac.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 02-05-2018 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal