Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A nova lei de contratos paraliza por completo a obra pública en Galicia.
O sector da construción de obra pública en Galicia móstrase moi preocupado pola evolución dos datos de contratación desde a entrada en vigor o pasado 9 de marzo da nova lei de contratos do sector público. «Era unha norma concibida para dar maior transparencia ao sector, fomentar e axilizar as contratacións e mellorar as relacións entre os construtores e as Administracións, pero a única realidade é que todo está paralizado desde ese día. As licitacións públicas cóntanse cos dedos dunha man nos últimos dous meses», denuncia Diego Vázquez Reino, presidente da Asociación de Empresarios da Construción da Coruña ( Apecco).
Máis de 300 millóns. Ata o 9 de marzo, todas as Administracións tentaron sacar adiante cos vellos pregos a maior cantidade de obras posibles. Así, o importe licitado para evitar a nova lexislación superou os 300 millóns, segundo os datos do sector, case a metade do total adxudicado no 2017. Desde entón, non hai apenas actividade. «Os secretarios e interventores non acaban de acordar un prego porque a lei é demasiado interpretativa e o que nos tememos é que aproveiten esa laxitud para poñer en marcha un proceso idéntico ao anterior, no que o único criterio sexa o prezo e non se preocupen da calidade técnica dos proxectos», denuncian.
Máis do 55 % dos traballos fixéronse sen concurso público. Un dos obxectivos da nova lexislación é facilitar a libre concorrencia de empresas aos concursos, reducindo os criterios subxectivos e apostando pola calidade. Con todo, os antecedentes non convidan o optimismo. Das 1.756 obras contabilizadas no 2017 en Galicia, o 24 % (427 obras) corresponden a concursos con diferentes criterios; o 21 % (363 obras) a poxas e o 55 % (966) son contratas directas ou procedementos negociados. Coa nova normativa na man, esas 966 actuacións terían que tramitarse cos mesmos prazos e esixencias que o resto de actuacións. Resolver a carga burocrática será outro dos retos que as entidades licitadoras terán que superar nos próximos meses. «A lei presenta demasiadas lagoas interpretativas que fan que as decisións dependan dalgúns funcionarios, e iso xera desigualdade», advirten os empresarios.
Unha das principais queixas dos construtores cara ás Administracións radica na forma de relación entre ambos. Os empresarios denuncian que os organismos públicos licitadores quedáronse con máis diñeiro na caixa que nunca. Segundo as contas de Apecco, ese volume é duns 269 millóns de euros, o que supón un 32 % do total do investimento licitado. En relación cos dous últimos anos, a porcentaxe de baixa segue empeorando significativamente: no 2016 foi do 27,4 %, no 2015 houbo un 23,4 % e no 2014 estableceuse no 20,7 %. A porcentaxe media que se perde nas diferentes Administracións públicas no 2017 quedou así nun 38 % na Administración central, un 21% na Xunta e un 23 % na Administración local, aínda que o récord absoluto dunha entidade licitadora levoullo a Deputación da Coruña, cunha porcentaxe que roza o 40 %. «Ás veces os políticos prefiren o titular fácil do aforro nunha licitación, pero ocúltanlles aos administrados que quen en realidade pagan as consecuencias son eles mesmos. As licitacións teñen que ser xustas e non se poden primar criterios disparatados con contratos que son imposibles de levar a cabo. Estamos a ver obras públicas mal acabadas, empresas que renuncian a executar encargos e licitacións desertas. O que nunca pensamos», laméntase un veterano construtor.


Laura Losada Conde 2ºBacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-05-2018 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal