Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O conxuro da queimada
Bo día amigas e amigos,

Unha vez máis estou aquí para compartir con vós uns intres da miña fin de semana e como o prometido é débeda, e a semana pasada ao falar das lendas da Lanzada deixei caer que hoxe falaría do conxuro da Queimada, pois ben! Alá vou.

Que saibades que a festa da Queimada está declarada Festa de Interese Turístico Galego e que unha das máis famosas é a de Cervo, Lugo, que xa vai pola súa XXIX edición e que se celebra alá polo 20 de agosto.

Galicia é unha terra chea de tradicións e cunha estreita relación coas meigas e o máis alá. Unha tradición que se debate entre o pagán e o misterio.

Na súa esencia, a queimada non é máis que unha bebida alcohólica da propia gastronomía da nosa terra pero que, tomada tras a pronunciación do “conxuro”, adquire o seu compoñente de beberaxe máxico que funciona como protección contra maleficios e para afastar aos malos espíritos que espreitan a mulleres e homes para maldicilos e, atraer aos bos.

A súa orixe é descoñecida pero máis que posiblemente se deba á cultura e tradición dos nosos devanceiros castrexos.

Os celtas deixaron a súa herdanza cultural plasmada nos abundantes petróglifos que se atopan por toda a comunidade galega. É común ver símbolos en forma de espiral ou Trisquel, figura con tres cabezas que debuxa unha especie de cruz. Son moitas as interpretacións que os
historiadores teñen dado a este símbolo, pero a máis coñecida é aquela que sostén que o trisquel representa os tres elementos fundamentais na vida do home: a Terra, a Auga e o Lume.

O ritual da Queimada fusiona estes tres elementos. A Terra simbolízase mediante a tarteira de barro, a Auga represéntase coa augardente que se remove mentres que o Lume danza por riba destes dous elementos esenciais para a nosa vida, mentres queima o alcohol da augardente.

Se nos afastamos no tempo, a destilación da augardente en Galicia comezou coa introdución do alambique polos árabes alá polos séculos XII e XIII sendo tamén a eles aos que se lles atribúe a introdución do azucre de cana, outro dos seus ingredientes fundamentais da tradicional queimada galega.

O consumo da augardente comezou alá polos anos cincuenta polos galegos residentes no exterior, que comezaron a tomar esta bebida nas festas ou despois das abundantes comidas, como “dixestivo”. Sería máis tarde, en torno ao ano 1955, coa creación das tarteiras de barro cocido, polo alfareiro mindoñense Tito Freire, cando se estendería esta costume de acompañar as reunións coa tradicional queimada galega.

Sexa como fora, o ritual da Queimada e o seu conxuro é un dos poucos ritos que aínda se
manteñen hoxe en día e se realizan en infinidade de reunións sociais e celebracións. Non en van, é un dos rituais máis demandados polos turistas cando visitan a nosa terra. O conxuro da Queimada, tal e como hoxe o coñecemos, foi inventado en Vigo en 1967 por Mariano Marcos Abalo para unha festa de xogos florais.

Para realizar a tradicional Queimada necesitamos unha pota de barro cocida, 1 litro de augardente, unha cáscara de limón ou laranxa, azucre de cana e grans de café. Unha vez que temos todos os ingredientes na pota,
remóvese toda a mestura e préndeselle lume. A Queimada debe removerse ata que o azucre se
consuma e as chamas diminúan o que indica que o alcohol se evaporou na súa meirande parte.

O ritual do conxuro da Queimada debe lerse en voz alta tan pronto como a Queimada comeza a arder.

Así que xa sabedes, bailar beber e espantar os malos espíritos!

Apertas e ata a semana vindeira.

Clara Mª Domínguez Iglesias 4ºB
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 29-04-2018 16:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal