Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A policía dá protección en Galicia a 3.100 vítimas de violencia machista
Diana Quer morreu por ser muller, vítima dun crime que só dana e mata ás mulleres. Este argumento foi repetido unha e outra vez ao longo das últimas semanas para sustentar unha petición que volveu ao primeiro plano coa aparición do corpo da moza madrileña, asasinada e a autopsia dirá se violada por un home que se cruzou no seu camiño de regreso a casa. Esa petición é que o caso de Diana Quer e todos os casos de agresións sexuais pasen a ser considerados violencia machista. A presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero, Ángeles Carmona, anunciaba hai uns días que os crimes como o de Diana serán contabilizados a partir deste ano nas estatísticas que elabora ese organismo. Para ir máis aló e que as vítimas de acoso, abusos, trata e outros delitos contra a muller pasen a beneficiarse das providencias previstas na Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero farán falta cambios legais.

O pacto de Estado asinado hai algunhas semanas abre este camiño, pero mentres este non se percorra, os casos como o de Diana só pasarán a engrosar as estatísticas de violencia machista. Unhas estatísticas que, sen ter en conta estes delitos e contabilizando só a violencia exercida no ámbito da parella ou exparella, pecharon os once primeiros meses do 2017 con 482.729 casos en España e 25.043 en Galicia, 3.169 deles activos e 13 de risco alto ou extremo.
Son os datos do sistema Viogén, de seguimento integral nos casos de violencia machista, que puxo en marcha o Ministerio do Interior no ano 2007 para facer unha avaliación do risco en cada caso e determinar as medidas de protección e seguimento que deben aplicarse tras cada denuncia que chega ás comisarías, aos cuarteis ou aos xulgados.
Segundo eses datos do 30 de novembro do 2017, hai en Galicia 23.285 vítimas de violencia machista. Elas ou a súa contorna denunciaron eses 25.043 casos que recolle a estatística, dos cales 21.874 estaban inactivos e 3.169 activos. Que un caso estea inactivo significa que, por determinadas circunstancias, considérase que non é necesaria a atención policial, aínda que pode ser reactivado en calquera momento. Os casos activos están baixo atención policial, cunha actividade que depende do nivel de risco que se determine aplicando o protocolo que se elaborou para iso.
Dos 3.169 casos activos que os últimos datos estatísticos reflicten en Galicia, 1.522 consideráronse de risco non apreciado. Para as mulleres nesta situación, o sistema Viogén prevé medidas de seguimento que implican a revisión do nivel de risco cada tres meses e, se é necesario, medidas policiais de protección. Para as mulleres para as que se apreciou perigo establécense medidas policiais de protección que aumentan de intensidade segundo increméntase o nivel de risco, que pode ser baixo, medio, alto ou extremo. Só 12 casos considerábanse de risco alto no último reconto, e só un era considerado pola policía como de risco extremo. 259 casos eran de risco medio, e 1.375, baixo. Case 1.500 mulleres teñen en Galicia un plan de seguridade personalizado co fin de garantir a súa integridade física fronte ás súas parellas.



Ana Ramos Gallego
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 21-01-2018 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal