EDLfranciscanasOurense


Blog do EDL do Colexio Plurilingüe Divina Pastora de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A RAG pecha o ano de Carlos Casares cun simposio en Ourense
Cada ano, a Real Academia Galega pecha as Letras Galegas cun simposio dedicado ao autor homenaxeado nese día. Desta volta, o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” foi o lugar escollido pola Academia, en colaboración coa Fundación Carlos Casares, para realizar devandita cita que tamén se fará en Vigo, Santiago e rematará na Coruña. Aquí, en Ourense, os relatores tiñan como obxectivo dar a coñecer a presenza de Ourense na obra de Casares e o que foi Casares para Ourense.
O presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares, foi o encargado de abrir esta xornada salientando que a capital das Burgas pasou por Casares “en distintas facetas ao longo do tempo”. O irmán do homenaxeado asegurou que todo comezou cando o autor estudou Bacharelato no Seminario Menor e gañou o seu primeiro concurso literario remunerado. “Naquel momento xa soñaba con seres escritor”, contou Xavier Casares. Neste punto, foi cando o presidente do xurado dese concurso, Vicente Risco, o quixo coñecer: “Foi o xornalista Arturo Lezcano o que o acompañou ao Café Tertulia do Hotel Parque, alí tivo o seu primeiro contacto con Risco”. Hai que salientar que ese café foi o berce do movemento cultural ourensán e un dos principais berces da cultura galega xa que alí Casares “mantivo contactos con persoeiros de renome como Acuña, Couselo, Xocas, Conde Corbal, Faílde e a metade dos artistiñas, Acisclo, Quessada e José de Dios”, enumerou o presidente da fundación, que asegurou que “con esta xente foi cando aumentou o seu interese por Ourense e Galicia”.
Xavier Casares dixo que a cidade de Ourense, estivo moi presente en traballos como “Ilustrísima”, “Cambio en tres”, “Os mortos daquel verán”… E logo, no Hotel Miño coñeceu a Blanco Amor, José Suárez e Julio Alonso Losada “que lle contou moitas historias de Ourense con personaxes moi pintorescos”. Xavier Casares aseverou que “para Ourense é moi importante o seu legado literario”. Ademais diso, Casares deixou un importante legado como xornalista con numerosos artigos publicados na prensa local.
Esta mesa inaugural tamén estivo presidida polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, Tras iso, foi a quenda dunha Mesa Redonda moderada polo historiador ourensán Afonso Vázquez Monxardín.

Lucía Alvarellos Garea
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 13-11-2017 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal