EDLfranciscanasOurense


Blog do EDL do Colexio Plurilingüe Divina Pastora de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A Semana Galega de Filosofía reflexionará sobre a saúde en Pontevedra
A 34 edición da Semana Galega de Filosofía levará por título 'Filosofía e Saúde' e celebrarase no Teatro Principal de Pontevedra do 17 ao 21 de abril co seu habitual esquema, con sesións de mañá centradas no público especializado, as tardes dedicadas a analizar a realidade específica de Galicia e as noites cun carácter divulgativo.
A aula Castelao, organizadora da Semana de Filosofía, presentou este venres a programación desta semana que inclúe unha quincena de relatoras, entre os que destacan os filósofos alemáns Wolfgang Fritz Haug e Frigga Haug e o exrepresentante da Organización Mundial da Saúde e Honoris Causa pola Complutense, Germán Velásquez.

Investigadores, docentes, médicos, biólogos e xornalistas conforman a proposta deste congreso que conta co catedrático de Filosofía da Universidade Complutense José Luís Pardo para pronunciar a conferencia de apertura, baixo o título de 'Que é a saúde?'.
Pola tarde Pablo Vaamonde, médico de familia, disertará sobre o sistema público de saúde de Galicia e a precarización xerada polos cambios normativos e a privatización dos servizos. O primeiro día pecharase cunha reflexión sobre o impacto da agricultura industrial na saúde a cargo do activista político, ecoloxista e investigador Tom Kucharz.
A Semana Galega de Filosofía propón visións do mundo da saúde desde a antropoloxía social e cultural, a discapacidade e a dependencia, o negocio da industria do medicamento, a morte, a hiperactividade, a psiquiatría, a influencia na saúde do capitalismo ou da contaminación, a homeopatía, as correntes anti vacinación, as teorías do medicamento alternativo.

Tamén se dedicará un espazo a reflexionar sobre os experimentos con humanos, a clonación, o aborto, e mesmo a disertar sobre o motivo polo que as consultas de meigas e curandeiros continúan enchéndose.






Lucía Gómez Cibeira, 1ºBac.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 20-03-2017 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal