Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Rosalía renace nos mozos de Galicia
«Chegou a bautizarse sen pais, no colo dunha criada», lembrou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, na capela do hostal dos Reis Católicos, en Santiago, onde a escritora recibiu bautismo hai 180 anos. «Con ela naceu unha esperanza, unha ilusión, que como un perfume se estendeu por toda Galicia», engadiu nos actos que a entidade organizou en Compostela. Despois, nesa capela, representantes das institucións e do mundo labrego puxeron voz aos versos da poeta. Cada un escolleu un poema, a xustiza, a lingua, a emigración... Non faltou a música, con Carapus e Ialma. Pouco antes, unha coroa de flores rendeu homenaxe na estatua de Rosalía. Pero foi na lareira do fogar de Rosalía, na Casa da Matanza, en Padrón, onde a festa queceu os corpos. A cociña volveu ter o lume prendido, para elaborar o caldo de gloria, co que a fundación festexou o aniversario, da man dos cociñeiros do programa Larpeiros. Na vila, uns 30 establecementos hostaleiros servían o caldo todo o día. E a mocidade retratábase coa imaxe da poeta. Xa pola tarde, no auditorio da Matanza proxectouse a curta Unha muller que pasa/Silencio, debida a Paco Gallego e Xosé Bocixa. Pero a festa estendeuse todo o día polas catro costas do país. En Lugo, na capela de santa María, os visitantes recibían unha rosa e un poema. En Ourense, a biblioteca universitaria, que leva o nome da escritora, acolleu a entrega dos premios do certame de vídeo-poemas RosalíaTe, nos que o recitado dos versos rosalianos guiaban os traballos. Unha exposición, Imaxes de Rosalía, elaborada polo alumnado, e a música do cantautor Xosé Constenla completaban o festexo. En Pontevedra, a deputación achegou o seu gran de area á conmemoración cunha lectura de textos da escritora padronesa e co reparto de libros e camelias entre os asistentes. Ninguén reparou no falso mito da tristura e a resignación que pesou moito tempo sobre Rosalía, onte todo foi celebración nun día no que a máis grande poeta galega renaceu no sorriso, na voz e no compromiso dos mozos do país.

Iria Padrón 2º BACH A
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 25-02-2017 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal