Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Iniciativa Lexislativa Popular para "facer efectivo e real" o dereito a usar o galego nas relacións de consumo
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou este sábado, no marco da súa asemblea xeral, a Iniciativa Lexislativa Popular para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. En concreto, a iniciativa pretende garantir materialmente --na práctica-- "o exercicio pleno do dereito a usar o galego para os consumidores e usuarios en todas as relacións".

Esta ILP conta co apoio inicial de 120 persoas destacadas de diferentes ámbitos: académico, cultural, deportivo, empresarial, organizacións sindicais e de consumidores, etc.

Segundo sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, existen no Estado español "máis de 500 disposicións legais que garanten a presenza do español", concretamente, precisou, "200 delas só para o ámbito socioeconómico".

Para o mesmo ámbito, continuou, os galegos só teñen recoñecido o dereito a empregalo, pero sen ter por que ser correspondido pola outra parte. "Queremos que o galego estea ao mesmo nivel, que sexa unha lingua para todo e que desaparezan as prácticas de chantaxe e as situacións de discriminación nas que se obriga a persoas a deixar de falar galego para recibir servizos ou atención, en moitos casos por empresas subcontratadas pola administración?", preguntouse Maceira.

E é que, sinalou, a Mesa denunciou en 2016, a través do seu servizo 'A Liña do Galego', "335 casos de discriminación". Estes son, indicou o presidente, "só unha pequena parte dos miles que se producen cotidianamente".

A ILP pretende impulsar, tal e como explicou o presidente da Mesa, "un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais", xa que, proseguiu, "a súa inexistencia provoca continuamente situacións de vulnerabilidade e indefensión".

Esta desregulación, proseguiu, afecta tamén aos traballadores e ás traballadoras do ámbito da atención ao público, a quen, nalgúns casos, "impónselles o deber de empregar tan só unha lingua cooficial: o castelán".

"Ou, como se viu nalgún caso recente, padecen as consecuencias da deslocalización en servizos que, coa exclusión do galego, poden ser prestados desde lugares moi afastados de Galicia", relatou.

Acto seguido, asegurou que mesmo as empresas que queren desenvolver en galego toda a súa actividade "atopan innumerables trabas legais e administrativas".

A Mesa comezará unha campaña co obxectivo de reunir miles de firmas en toda Galicia durante o próximos catro meses. Para o presidente da Mesa, a sociedade galega foi a que "conquistou os pequenos avances que tivo o galego" e, por iso, "é hora de avanzar máis".

Entre os aspectos que recolle esta ILP atópase "o recoñecemento pleno do dereito á atención en galego, a recibir en galego calquera información, avisos ou instrucións; e a dispor de contratos e formularios en galego".

Así mesmo, recóllese o respecto pola toponimia galega, "única legal e oficial", e o dereito á opción de galego na teleatención. Pero ademais, a ILP contempla que "as administracións públicas dean exemplo ao contratar servizos, garantindo a capacidade de entender e atender en galego".

Ana Rodríguez Diz, 1ºBACH
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 20-02-2017 01:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal