Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Da Galicia sen autovías á Galicia do AVE
O de 1984 foi un verán cálido en Galicia, como este de o 2016. Os nudistas eran noticia permanente naquela España da Transición na que a tele só emitía por dúas canles e os galegos esperaban a chegada da cadea autonómica, que comezaría a emitir uns meses despois. Á fronte da Xunta que a puxo en marcha, Gerardo Fernández Albor, que en xullo dese ano reuníase co presidente do Goberno, Felipe González, para falar da reconversión naval. Na Galicia que presidía Albor vivían 2.806.838 persoas e a renda per cápita rozaba os 2.000 euros, moi lonxe dos 20.000 actuais. Circulaban polas estradas galegas medio millón de coches -o máis vendido ese ano foi o Renault 11- e 63.338 tractores. O censo gandeiro contaba o millón de vacas do que uns anos despois escribiría Manuel Rivas. E no outono chegaría o ciclón máis galego da historia, o Hortensia.

Desde alá arriba, Galicia segue sendo de cor verde. Pero entre as follas asoma a transformación dunha comunidade na que gobernaron desde entón outros catro presidentes, na que morre máis xente da que nace e na que as vacas apenas son máis de medio millón.
Sobre a rede de ríos superpúxose outra rede moito máis espesa, a de estradas, pola que hoxe se moven apenas 12.000 tractores pero case millón e medio de turismos. A navallada que algúns vían na AP-9 non parece tal desde o satélite, aínda que en 1984 aínda non estaba completa: non existía o tramo Santiago-Pontevedra, nin Vigo-Tui, nin A Coruña-Ferrol. Tampouco existían as autoestradas Santiago-Ourense nin A Coruña-Carballo, e as autovías que unirían Galicia coa meseta eran unha reivindicación que ía tardar aínda un decenio en comezar a cumprirse. As máquinas empezaron a abrir a das Rías Baixas en 1994. Un ano antes comezaban as obras da A-6, que une A Coruña e Madrid, aínda que habería que esperar ao 2000 para que todos os seus tramos estivesen abertos. Aínda chegaría unha terceira gran autovía, a do Cantábrico, cuxos primeiros tramos en Galicia abríronse no 2007 e cuxa construción concluíu no 2014. E centos de infraestruturas máis modestas, moitas delas apoiadas polo diñeiro que chegaba de Europa, que foron paso a paso achegando aos galegos, mellorando a súa mobilidade e empeorando un pouco o aire que respiraban. A día de hoxe existen na comunidade 17.643 quilómetros de estradas e a pelexa política, no que a infraestruturas refírese, céntrase na data na que chegará o AVE.

Durante estes 32 anos Galicia creceu. En tamaño tamén. A explicación non está na xeoloxía, senón no urbanismo. En lugar de medrar cara ao interior, aos galegos gústanos expandirnos cara ao mar e, recheo sobre recheo, imos modificando a costa que durante séculos esculpió só o mar. Desa transformación do litoral dá testemuño a ferramenta de Google. Os cambios máis evidentes, os que poden verse se se centra a imaxe sobre os portos exteriores de Ferrol ou de Arteixo, que desde a nada se converten en grandes linguas que se penetran na auga. Pero tamén se percibe o crecemento de zonas portuarias como as de Vigo, Marín ou Vilagarcía.A transformación da costa vai máis aló. Nestas tres últimas décadas a poboación galega basculó, con máis intensidade que nunca, cara ao litoral. Baixando ao detalle no mapa percíbese claramente a urbanización da liña costeira, que en moitas zonas, especialmente nas Rías Baixas, pasou a ser practicamente un continuo de poboación.As cidades tamén cambiaron moito nestes 32 anos, aínda que desde o satélite o cambio máis aparente é o que experimentou Santiago, que creceu de forma notable, sobre todo cara ao leste, onde naceron novos barrios e onde se asentou tamén a Cidade da Cultura. Polo demais, a transformación urbana de Galicia, aínda en construción, pasa con certa discreción polos visores das ferramentas informáticas. Pero achegando o obxectivo percíbense os cambios.





José Javier Nieto Blanco, 1ºBach.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 18-12-2016 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal