Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Tres días para profundar no Manuel María máis polifacético.
O vindeiro martes 22 de novembro a RAG inicia na súa sede o simposio dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas de 2016. O programa conta coa participación de máis dunha vintena de expertos e expertas que abordarán ao longo de tres tardes as distintas facetas de Manuel María: desde o cultivo dos distintos xéneros literarios ata o activismo cultural e político, sempre co eixe común da defensa da lingua. Ademais de mesas de debate e conferencias, poderanse escoitar os versos do homenaxeado na voz de cinco poetas. A cita clausurarase coa proxección do documental sobre o autor que asina a académica Margarita Ledo. Todas as actividades son de entrada libre.

A poesía será a protagonista da xornada inaugural do Simposio de Manuel María, organizado coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia. Darío Xohán Cabana pronunciará a conferencia de apertura, centrada nos primeiros libros de poemas do escritor chairego. Como indica o título,De Muiñeiro de brétemas a Advento: unha progresión fulgurante, deterase na poesía de Manuel María quizais menos coñecida, a que escribiu sendo máis novo, cando con só 19 anos saíu do prelo o seu primeiro libro de poemas, Muiñeiro de brétemas(1950, colección Benito Soto). O académico non oculta a súa predilección por ,Advento escrito en 1951 e publicado por primeira vez polo Centro Galego de Buenos Aires tras gañar o Premio Castelao de Poesía en 1952.
Sobre o primeiro Manuel María falará tamén Rosalía Fernández Rial na intervención Travesía até Mar Maior: contexto literario e biográfico do primeiro Manuel María, que percorrerá os sete libros de poemas principais que este publicou ata os primeiros anos sesenta, o último deles Mar Maoior (1963). A poeta sentará na mesa de debate moderada por Mercedes Queixas na que tamén participarán Marta Dacosta e Manuel López Foxo. Este último será o encargado de profundar noutro momento vital do homenaxeado co relatorio A poesía última de Manuel María. Os libros que abren o seu canto final, partindo da súa produción durante os anos setenta do século pasado. Pola súa banda, Dacosta achegará Fixando a emoción, título que colle prestado o seu nome dun verso dun poema do escritor chairego para referirse a unha das cuestións esenciais no seu proceso de creación.
Un recital poético pechará a primeira xornada poñéndolles aos versos de Manuel María as voces de Marica Campo, Marta Dacosta, Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel e Cesáreo Sánchez Iglesias.

IRIA ÁLVAREZ PRIETO, 1º BACH.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 21-11-2016 01:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal