Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Achan unha escultura da fachada medieval do Pórtico da Gloria na torre sur da Catedral de Santiago
A peza, do taller do Mestre Mateo e do ano 1200, será presentada na exposición sobre o artista que prepara o Museo do Prado

As obras de restauración que se están a levar a cabo na torre sur da Catedral de Santiago permitiron localizar unha escultura da escola do Mestre Mateo procedente da fachada medieval do Pórtico da Gloria, que se atopaba oculta e enterrada nun pequeno habitáculo da base.

O achado foi anunciado este venres polo director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, que destacou que a escultura, de 1,85 metros de alto e que representa probablemente un profeta, puido ser depositada nesta localización no século XVI, cando se desmontou a fachada medieval que cubría entón o Pórtico de Gloria. Neste lugar foi cuberta de terra e entullos e permaneceu perdida ata agora.
A peza é unha das oito que se conservan da fachada medieval da Catedral, aínda que ten a particularidade de ser a única que non foi intervida e, polo tanto, conserva a columna á que estaba pegada. Este elemento identifícaa como procedente da fachada medieval do Pórtico, mentres que o xeito de labrar a pedra -especialmente a técnica á hora de esculpir as dobras da roupa- apuntan con seguridade ao taller do Mestre Mateo.
A profesora Rocío Sánchez Ameijeiras, unha dos expertos que tiveron a posibilidade de analizar a peza, asegurou que se trata dunha figura "sorprendente" e que a súa datación é lixeiramente posterior ás esculturas do Pórtico, en torno ao ano 1.200.
En canto á iconografía, destacou que a escultura, unha figura masculina, ten nimbo pero non ás, porta ademais unha lenda de gran tamaño e está descalzo, polo que cre que podería tratarse dun profeta.
A peza presenta un bo estado de conservación e está completa a excepción da cabeza, que falta, dado que era habitual que cando as figuras se desbotaban se lles retirase a cabeza e as marcas indican que a ruptura foi mecánica.

NUNHA PEQUENA SALA
A figura foi localizada de forma fortuíta mentres se retiraba a terra e entullos que tapiaban unha pequena sala anexa ao Pórtico da Gloria. O recheo, non obstante, fora depositado alí hai uns 100 anos, segundo os expertos, aínda que a estatua estaría alí con anterioridade.
A escultura, que estaba sobre o pavimento orixinal da torre, foi deixada alí nun período anterior a que se cimentase a torre sur, dado que o muro construído con este propósito fixo máis angosta a entrada ao pequeno habitáculo e, de feito, a estatua non cabe a día de hoxe polo oco resultante.
No chan desa mesma sala, os investigadores acharon tamén unha moeda de aspecto medieval que está aínda pendente de ser catalogada.

PRESENTACIÓN EN SOCIEDADE
A intención dos responsables da Fundación Catedral é que esta peza poida facer a súa presentación en sociedade na exposición sobre o Mestre Mateo que se inaugurará no Museo do Prado de Madrid o próximo 28 de novembro.
Con iso, o responsable desta exposición e do Museo da Catedral, Ramón Yzquierdo, destacou que a mostra contará coas oito esculturas que se conservan da fachada medieval da basílica compostelana a xeito de "regalo final". Unha vez finalizada a mostra, a peza depositarase no Museo da Catedral.
Polo momento disponse de oito esculturas desta fachada primitiva da Catedral, tres parellas e dúas esculturas individuais -entre elas a recén descuberta-, aínda que non se descarta que os recintos aínda por limpar nas obras de restauración poidan deparar novas sorpresa.

Iria Álvarez Prieto, 1ºBach.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 24-10-2016 00:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal