Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O Womex 16 converterá Compostela na capital mundial da música

O Womex 16 aterra a vindeira semana en Compostela, cidade que acollerá 2.500 participantes de máis de 100 países e máis de 300 artistas internacionais entre os que se atopan os galegos Xabier Díaz, Narf e Radio Cos. Faada Fredy, NY Gypsy All Stars, Dudu Tassa & The Kuwaitis, Bixiga 70 ou Oligarkh son algunhas das propostas musicais desta vixésimo segunda edición.
A Cidade da Cultura, a Quintana, o Auditorio Abanca, o Teatro Principal, o Salón Teatro e a Sala Capitol acollerán os concertos.
Na presentación da programación do Womex 16, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, sinalou que con Womex, Compostela pasa a ser “a capital das músicas que son as bandas sonoras dos distintos pobos, que transmiten a súa identidade e que son a carta de presentación dos países de orixe”. Reparou Sanmartín nas tres propostas galegas para destacar a forza da música de noso que se transmite a través das xeracións de Radio Cos e Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre e destacou moi especialmente o encontro Narf con Timbila Muzimba que pode ser “a metáfora do que Womex significa, un proxecto en que a música galega e mozambicana se dan a man, en igualdade de condicións”.
O alcalde de Compostela, Martiño Noriega, salientou que “Santiago volve amosar nesta ocasión como unha cidade pequena no cuantitativo pode ser un referente turístico e cultural no cualitativo. Acoller a maior feira de músicas do mundo, como é o Womex, significa apostar nun turismo de eventos que vai máis alá do feito até o de agora e que consigue que Santiago sexa atractiva en calquera momento do ano pola súa oferta cultural”.
Ricardo Tornero Belloso
2º ESO
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-10-2016 14:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal