Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

«En Ourense as persoas xordas non temos nin a opción de ir ao cine»
Autodefínense como os discapacitados invisibles. Non levan axudas técnicas e quizais por iso sofren illamento social e, o que é máis preocupante, un deixamento institucional sobre as necesidades que teñen para facer uso de servizos públicos aos que como calquera cidadán teñen dereito. Son as persoas xordas, que en Ourense teñen desde 1974 unha asociación, a cal é punto de referencia para a socialización.
«A integración mellorou os últimos anos, sobre todo nos mozos; pero continúan existindo moitas carencias para acceder a calquera tipo de entidade ou actividade», explica María Isabel Fernández, que preside desde o 2012 a asociación ourensana na que se integran 114 persoas de toda a provincia. Acudir ao teatro, a unha exposición ou a unha conferencia é misión imposible porque moi poucos se acordan deles e piden un intérprete. «En Coruña, por exemplo, hai cine subtitulado; aquí non temos nin esa opción», matiza a presidenta. Aínda que as novas tecnoloxías axudaron algo «as trabas son as mesmas que fai anos porque as barreiras de comunicación son as mesmas», aclara. O colectivo reclama intérpretes ou formación básica en lingua de signos para empregados públicos, de modo que ir facer calquera xestión de urxencia ante o xulgado, a policía ou ao médico, non se converta nun problema. A asociación ourensana de persoas xordas ten intérpretes propios. En concreto, unha.; con ela intentan dar resposta ás necesidades que suscitan os asociados para facer xestións no mundo oínte, pero «a demanda de servizos é tan alta que resulta imposible cubrilos todos» lamenta a presidenta. Aumentar a cifra de intérpretes de linguas de signos nesta entidade depende directamente das subvencións que consigan «e a verdade é que nos vemos prexudicados pola situación actual», matiza Isabel Fernández, referíndose á crise económica. Ademais dese servizo e o dunha asistente social, a asociación desenvolve ao longo do ano un amplo programa cultural e de lecer para as persoas xordas da provincia, con excursións, visitas guiadas, conferencias, charlas e talleres formativos.

Nuria Vázquez Gómez, 2º Bach A

Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 01-10-2016 10:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal