Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Terra, plantas e árbores, máis palabras para o Atlas Lingüístico
Este novo volume, coordinado polo catedrático da USC Francisco Fernández Rei, ocúpase das cuestións vencelladas, directa ou indirectamente, coa terra como espazo natural e coas plantas e árbores. Segundo explica o equipo do ALGa, a gran novidade formal deste sexto traballo está no fondo do mapa, onde se marca o relevo do territorio lingüístico.

O material cartografado agrúpase en dous grandes bloques: terra, en tanto que espazo físico non alterado polo ser humano; e plantas e árbores, con denominacións de arbustos, plantas e árbores silvestres e froiteiras e froitos. Ademais dos 272 mapas, a obra inclúe un anexo de plantas con información adicional. Ese material tamén se agrupa en dous grandes apartados. O primeiro está dedicado á terra, con 116 mapas con cuestións relativas ao monte, ao val, á auga e ás consecuencias da erosión desta e ao tipo de pedras e minerais. O segundo céntrase nas árbores e nas plantas e consta de 204 mapas coas denominacións de plantas silvestres e arbustos, árbores silvestres e froiteiras, e tamén dos seus froitos. Con 22 mapas, merece especial atención o léxico da castaña, froito que tivo unha grande importancia tradicionalmente na economía galega.

O ALGa seguirá medrando proximamente co sétimo volume O ser humano (II), coordinado pola académica Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio C. Sousa, e que xa está case rematado. O oitavo, Agricultura (I), en fase moi avanzada, coordínao outro membro da Academia, Manuel González; e o noveno, Fauna, en fase incipiente, realizarase baixo a coordinación de Francisco Fernández Rei. Están proxectados tres volumes máis cos que se completará a serie léxica do ALGa.

Con esta, son xa seis as publicacións derivadas do proxecto Atlas Lingüístico Galego, cuxa finalidade é describir as variedades xeográficas do galego moderno. Tanto este volume como os próximos edítanse coa axuda da Fundación Barrié e a colaboración do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela.

Ana García Barandela, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 10:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal