Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Carlos G. Reigosa achega a Valle- Inclán ao galeguismo pola vía das lexitimacións de Castelao e Dieste
Edicións Xerais vén de rescatar A morte de Valle-Inclán, o último esperpento, o libro que Carlos G. Reigosa, Javier del Valle-Inclán e José Monleón publicaron en 1998 no selo Ézaro. Ademais de traelo ao galego, hai un traballo de actualización do texto que ofrece interesantes novidades como a confirmación de que Castelo estivo no enterro en Santiago do autor de Luces de bohemia, circunstancia que proba o neto do escritor e que -xusto cando se cumpren oitenta anos do pasamento do xenio arousán- debe poñer fin a unha absurda disputa, «porque algúns estudosos negaban esta presenza». É un dos fundamentos da tese que, sostén Reigosa, se tira deste libro: «O desmentido dese Valle-Inclán antigaleguista que moitos se empeñan en debuxar; cando a verdade é que había unha proximidade certa co galeguismo, que ademais aceptaba como propio ao creador do esperpento». Reigosa parte da afirmación de que Valle-Inclán é un escritor galego que escribía en castelán, «algo que é impensable que a estas alturas do século XXI se siga discutindo», xa que, di, Galicia está na cerna da súa obra. «Non era un líder galeguista, pero tampouco era antigaleguista», insiste. O xornalista bota man das voces do propio Castelao, de Dieste e ata de Otero Pedrayo, cos que tivo unha proximidade importante. E recupera unha reflexión de Castelao: «Valle-Inclán universalizou o galego rexional ao escribir en castelán o pensado en galego. A lingua de Valle-Inclán leva o cuño e o carácter doce e duro, á vez, do espírito galego». Isto é a lexitimación da máxima autoridade do galeguismo, sinala Reigosa, que suma á súa argumentación un artigo de Dieste, publicado en 1937, en plena Guerra Civil, que «reivindica sen complexos o contido galego da lingua do gran dramaturgo» e apela ás vivencias da nenez, o pasado, como claves na escrita de Valle. Para Reigosa, os oito últimos meses da vida de Valle-Inclán, os que centran este libro, son moi importantes para explicar a súa galeguidade, xa que neles se mostra como intensifica a súa vinculación coa vida cultural e intelectual de Galicia.


Antía Corral, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-04-2016 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal