Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Máis de 1.500 obras en galego se traduciron a outros idiomas entre 1980 e 2015

O grupo de investigación Bitraga, da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, constataron que, entre 1980 e 2015, se traduciron do galego a outros idiomas 1.540 títulos, mentres que algo máis de 3.000 obras noutros idiomas foron traducidas ao galego.

Estes datos despréndense da análise do catálogo elaborado por este grupo de investigación, e do que se conclúe unha evolución positiva acerca do volume de tradución tanto dende o galego coma dende outras linguas ao galego. Segundo sinalou Iolanda Galanes, "neste momento, a exportación de literatura galega supón un terzo do total das traducións", cando non fai moitos anos o ámbito académico se refería á cultura galega como "pequena" porque "apenas se establecía diálogo" co exterior".

Na actualidade, engadiu, a tradución galega está "no circuíto comercial" e, aínda que "non é equiparable a das grandes culturas", iniciouse de forma tímida o "proceso de internacionalización".En todo caso, o grupo Bitraga apuntou que as relacións non se producen do mesmo modo nin coa mesma intensidade en todos os casos. Así, as traducións e a importación cultural segue tendo dependencia de espazos e linguas moi concretos, como o español, o inglés e o francés, de feito, o 90 por cento das obras traducidas ao galego seguen sendo orixinais nalgún destes idiomas. Pola contra, o espazo de difusión de obras galegas que se traducen a outras linguas, é maioritariamente o ibérico, aínda que nos últimos anos se abriron relacións con outros 40 espazos culturais.

Algúns exemplos son as traducións de Rosalía de Castro ao xaponés, de Álvaro Cunqueiro ao árabe, Teresa Moure ao holandés ou ao serbio, Domingo Villar ao sueco e ao alemán. Este grupo investigador tamén detectou outros cambios, como o interese que esperta a literatura infantil e xuvenil galega, que "funciona no exterior con todas as condicións do mercado internacional"; o esforzo das editoriais por publicar os orixinais e as traducións simultaneamente; ou o reforzo de estratexias comerciais, que levou a algunhas destas empresas a abrir delegacións no exterior ou buscar socios noutros países.

Selena González Rodriguez, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 30-01-2016 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal