Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Cae unha banda á que lle imputan cen roubos en chalés e en naves da Coruña.
Operaban nas últimas horas da tarde, e sempre en vivendas que estivesen baleiras. Entraban nas casas, revolvíano todo e levaban o que atopaban: xoias, televisores, computadores portátiles e reloxos. Pero tamén motosierras, máquinas cortacéspedes e diversas ferramentas. Así operaban desde o pasado verán tres homes, veciños de Oleiros, e con extensos historiais delituosos ás súas costas, que foron detidos nas últimas horas pola Garda Civil, que lles atribúe máis de cen roubos en casas e chalés e en naves industriais da provincia da Coruña no marco da operación denominada Palomero.

Os investigadores sospeitan que estes tres homes asaltaron vivendas en quince municipios e relaciónanos con roubos perpetrados en Oleiros, Sada, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Curtis, Abegondo, Vilasantar, Mesía, Miño, Pontedeume, Cabanas e Ares. En Oleiros tiñan a súa base de operacións. Alí, na casa dun deles, os axentes acharon numeroso material procedente dos seus roubos. Eran tantos e variados os obxectos que alí había que a Garda Civil tivo que trasladalos en tres furgonetas ata as dependencias da Comandancia da Coruña, en Lonzas, onde están a disposición das vítimas dos asaltos para que poidan identificalos e levarllos tras acreditar a súa propiedade. Habilitouse o teléfono 981167800 (extensión 295) ao que os afectados poden chamar para recibir información sobre as súas pertenzas.

Un dos integrantes da banda foi detido na cidade da Coruña no momento no que se dispoñía a vender efectos de ouro procedentes dos últimos roubos. Os tres ladróns teñen numerosos antecedentes delituosos. Un deles conta con 90 detencións anteriores por delitos contra o patrimonio e hai uns meses xa fora posto a disposición xudicial pola Garda Civil de Asturias tras ser arrestado como suposto autor de varios roubos en igrexas.

Os investigadores da unidade orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña tamén atribúen aos detidos a súa participación no roubo de polo menos 2.800 quilos de cobre, procedentes de medio centenar de roubos perpetrados en polígonos industriais da provincia da Coruña. Os tres detidos, aos que tamén lles foron incautados uns 3.500 euros en metálico, serán postos hoxe pola mañá a disposición do xulgado número 5 da Coruña.

Outros grupos de ladróns seguen activos, como o que asaltou onte á noite unha casa en Oleiros
A detención dos tres integrantes da banda á que se lle atribúen máis de cen roubos non permite pechar as investigacións sobre asaltos a casas e chalés na provincia da Coruña. A Garda Civil mantén abertas varias operacións para tentar localizar a outros grupos delituosos que están moi activos e que seguen cometendo asaltos, como o perpetrado na noite de onte nunha casa de Oleiros que nese momento estaba baleira.

Os investigadores sospeitan que hai máis dunha banda que mantén en alerta ás forzas de seguridade en Galicia, e especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra. A forma de operar dese tipo de grupos delituosos, que residen fóra de Galicia, tería moi pouco que ver coa que utilizaban os tres detidos na operación Palomero. Algunhas fontes apuntan a que son ladróns máis profesionais e moito máis selectivos á hora de elixir o seu botín. As xoias e outras pezas de ouro son o seu obxectivo porque é un material fácil de vender no mercado negro.





José Javier Nieto Blanco, 4ºB.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 29-01-2016 16:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal