Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Caxade representará a Galiza no Festival Europeo de Linguas Minoritarias
En Udine participarán nove bandas, entre as que se encontran propostas vascas, bretoas, occitanas e frisoas. A gañadora levará un premio de 2.000 euros e a participación en varios festivais europeos.

Esta última opción faille especial ilusión a un Caxade que xa realizou 90 concertos en Galiza e Portugal desde que presentara en 2013 o seu disco 'Dança das moscas'. “Saltar a Europa sen pasar por España sería moi bonito”, retruca mentres reflexiona sobre as dificultades de entrar no mercado musical español: “España como estado debería ter abertos os ollos e as orellas ao que pasa nunha comunidade como a nosa, pero desgrazadamente iso non acontece. Gustaríame ir a España, pero non é a miña ambición”.

“Para min persoalmente é un paso moi importante, porque desde o quilómetro cero notei moito cariño no público e chegar a un festival coma este é un pasiño máis para a consolidación do proxecto”, explica Caxade, quen ademais valora o feito de que sexa un festival de linguas minorizadas dado que “nos dá acceso a grupos que temos escaso acollemento no contexto no que nos movemos a diario”.

Primeira edición do Suns Europe

Esta será a primeira edición do Suns Europe, que substitúe ao Liet International que se organizaba desde 2002 en Frisia (Holanda). Por aquel festival pasaron diferentes formacións galegas, como Uxía, Fran Pérez 'Narf', ou Mafia Galega. Nesta nova xeira defínese como o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias e acollerá diversas actividades do 25 de novembro ao 11 de decembro deste ano, entre a que destaca este concurso de canción moderna. Está aberto a todas as minorías lingüísticas tal e como se definen na Carta Europea de Linguas Minoritarias.

Sandra Tornero Belloso, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 14-11-2015 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal