Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Enrique Sánchez Abulí, Gran Premio do Salón do Cómic de Barcelona
Aínda que a 33ª edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona está dedicada á ciencia-ficción e a fantasía, o gran protagonista dos galardóns do evento máis importante do cómic neste país é o xénero negro ao conceder o Gran Premio do Salón a Enrique Sánchez Abulí, tradutor e guionista de dilatada carreira que pasou á historia do medio ao crear unha serie xa mítica: Torpedo 1936.

Esta serie iniciouse co estadounidense Alex Toth aos lapis, pero a súa renuncia permitiu que fose Jordi Bernet o responsable de levar ao papel as ideas de Abulí, para que xuntos desenvolvesen unha obra que transcendeu as fronteiras e converteuse en referente do xénero. Aínda que a obra de Abulí se inicia nos sesenta, é a partir da década dos oitenta cando se multiplica e fai famosa, tanto coa súa serie de referencia como outras colaboracións co mesmo Bernet ou outros debuxantes como Estaban Maroto, José Ortiz, Geniés, Garcés ou Das Pastoras, entre outros. Un amplo labor que sempre compatibilizou coa de prestixioso tradutor: as máis grandes obras do cómic francobelga ten a súa versión en español grazas ao seu traballo.

Con respecto a outros, o premio á mellor obra española lévao As Meninas, de Santiago García e Javier Olivares (Astiberri), un inmenso traballo, poliédrico e hipnótico na súa capacidade de analizar, estudar e trasladar a lector a fascinación pola obra de Velázquez e, dende ela, facer unha intelixente reflexión sobre a mirada do autor, o proceso creativo e o propio medio. Unha obra que esixe relecturas continuadas para poder extraer toda a súa riqueza e posibilidades, dende a complexa e atrevida arquitectura formal ao rigoroso e exhaustivo discurso da súa proposta.

Así mesmo, o voto dos profesionais decidiu que a mellor obra estranxeira sexa Saga, de Brian K. Vaughan e Fiona Staples (Planeta Cómic), unha recoñecida serie que mestura de forma desenfadada a fantasía e a ciencia-ficción tomando como base a Shakespeare, para transformar a loita entre os Montesco e Capuleto nun enfrontamento entre tecnoloxía e maxia que repasa sen prexuízos os xéneros.

Finalmente, o mellor fanzine é Thermozero Cómics, punta de lanza da asociación do mesmo nome que realiza un extraordinario labor de promoción activa dos autores aragoneses. Polas súas páxinas pasou o mellor do cómic aragonés, pero tamén se converteu nunha activa plataforma de lanzamento de novas promesas do cómic.

Lara Rodríguez Pardo, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 27-04-2015 00:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal