Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O peche dunha sala, o espertar dun cine
O peche dunha sala de cine é comparable coa clausura dun museo. A crise que azouta a industria cinematográfica, e que se ceba nas salas con especial crueza, levou a esa situación límite. E contra esa catástrofe (400 xa caeron, hai 600 pendentes de dixitalizar que aínda non saben cal será o seu futuro) rebeláronse en varias partes de España grupos de cidadáns que se fixeron cargo deses cines. É dicir, un modelo de exhibición alternativo, que xa funciona en varias salas de Madrid, Las Rozas, Majadahonda, Palma deMallorca, Sant Feliu de Llobregat, Barcelona, Málaga, Girona, Sevilla, Ferrol, Alfas do Pi ou Santiago de Compostela. Esas salas agrupáronse en CineArte, asociación que estes días organizou unhas xornadas dentro do Festival de Málaga Cine Español para presentarse en público. O vicepresidente, Javier Asenjo, explica de onde nace a iniciativa: "Rede CineArte créase coa intención de integrar e traballar conxuntamente con todas as partes implicadas dentro do sector cinematográfico, na defensa dun cine que permita a diversificación e de crear unha armazón cultural arredor das salas de cine,". As xornadas tamén serviron para realizar a Declaración de Málaga, un decálogo que serve como marco de intencións e petición de dereitos. Porque entre as súas primeiras dificultades está o seu estatuto xurídico: "O recoñecemento legal dos cines con programación cultural, que estamos a propoñer ao ICAA como algo diferenciado dos cines comerciais, é unha medida fundamental," asegura Pedro Barbadillo, presidente de CineArte. Por iso piden un estatuto legal homologable aos que posúen as salas da CICACE (Confederación Internacional de Cines de Arte e Ensaio) de Europa, cuxos representantes tamén estiveron en Málaga mostrando o seu apoio a CineArte. A asociación "esixe" a redución do IVE a todas as salas e un tratamento "especial bonificado" para os seus asociados. A cambio loitarán por promover a distribución de cine de calidade, especialmente europeo e en versión orixinal subtitulada, facilitar o acceso a proxeccións ao cine español que non encontra cabida nos circuítos comerciais e impulsar a educación cinematográfica. Noutros puntos do decálogo explican a súa aposta porque a súa marca sexa unha referencia de calidade e as súas intencións de apoiar a todos os colectivos que se sumen á súa iniciativa, en pro dun mellor acceso á cultura. A distribución dun cine alternativo ao distribuído polos estudos de Hollywood está hoxe en España nos seus peores momentos. A cota de mercado do cine en VOS apenas supón o 0,2% do despacho, unha cifra demoledora. E esas salas van pouco a pouco pechando, deixando o seu público potencial sen acceso a ese cine. A Rede de Cines Independentes pola Cultura e a Arte aposta ademais por completar a súa programación con outro tipo de eventos, sempre próximos ao seu espírito, como fan no resto de Europa as salas de CICACE. O seu éxito sería unha gran noticia no páramo actual.

Ana Martínez Fernández, 2º de bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 26-04-2015 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal