Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A RAG cre que a sentenza do Supremo sobre o decreto do galego contén "opinións discutibles e consideracións de feito infundadas"
A Academia reafírmase nas súas conviccións de que a normalización do noso idioma é un obxectivo irrenunciable da sociedade galega e de que a Xunta de Galicia está moral e legalmente obrigada a tomar medidas positivas para conseguila.
A Real Academia Galega publicou unha declaración sobre a sentenza que o Tribunal Supremo emitiu sobre o decreto do galego no Ensino non universitario de Galicia, na que afirma que contén "opinións discutibles e consideracións de feito infundadas". A sentenza do TS desestimou o recurso presentado pola RAG contra o coñecido como Decreto do Plurilingüismo no ensino, validándoo como legal. A norma supuxera a introdución do inglés como lingua de impartición nos centros de Galicia xunto co galego e o castelán.
A RAG explica na declaración que fará no seu momento un estudo da argumentación xurídica da sentenza e, entretanto, afirma que nela se conteñen opinións discutibles e consideracións de feito infundadas, a contrafío de diversos estudos académicos, ditames institucionais e informes expertos de carácter oficial.
O texto da declaración, publicada no sitio web da RAG, é o que segue:
Con data de 26 de marzo de 2015, a Real Academia Galega recibiu comunicación da sentenza do Tribunal Supremo sobre o recurso de casación interposto por esta institución contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia verbo do Decreto 79/2010, do 20 de maio, da Xunta de Galicia, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Perante a dita sentenza do Tribunal Supremo, que é en boa parte desestimatoria do recurso de casación interposto pola RAG, esta institución desexa facer chegar á opinión pública as seguintes consideracións:
1.- O Estatutos da Real Academia Galega, aprobados por Real Decreto 271/2000 de 25 de febreiro, establecen no artigo 1º que "é unha institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego". No artigo 2º, entre as finalidades desta institución, os ditos estatutos sinalan as seguintes: "Velar polos dereitos do idioma galego", "Defender e promover o idioma galego", "Asesorar os poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social". Á vista disto, no seu día a Academia considerou a súa obriga recorrer o devandito Decreto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, posteriormente interpor recurso de casación perante o Tribunal Supremo, por entender que na tramitación dese decreto a RAG non fora debidamente consultada e, moi especialmente, que as diposicións básicas deste Decreto resultaban contraditorias co Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e o conxunto da lexislación que ampara os dereitos das persoas galego-falantes e obriga á Xunta de Galicia á potenciación do idioma propio de Galicia.
2.- A Real Academia Galega respecta e acata a sentenza do Tribunal Supremo; ao mesmo tempo, sen entrar nunha análise da argumentación xurídica desta (que fará no seu momento) non pode deixar de sinalar que nela se conteñen opinións discutibles e consideracións de feito infundadas, a contrafío de diversos estudos académicos, ditames institucionais e informes expertos de carácter oficial. En todo caso, con independencia das consideracións xurídicas, a RAG reafírmase nas súas conviccións de que a normalización do noso idioma é un obxectivo irrenunciable da sociedade galega e de que a Xunta de Galicia está moral e legalmente obrigada a tomar medidas positivas para conseguila. Na liña de anteriores declaracións, e particularmente da aprobada no pasado mes de xaneiro, a Real Academia Galega insta novamente á Xunta de Galicia e ofrece a súa leal colaboración para poñer en marcha iniciativas de alcance real cara a ese obxectivo.

Sara Pimentel González, 2º de bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 30-03-2015 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal