Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O ciberataque custará a Sony máis de 400 millóns de euros
Malia as críticas xeneralizadas, incluídos artistas, intelectuais e ata o mesmo Obama -que falou de «error»-, Sony Pictures mantén o seu criterio. Cre que a suspensión da estrea de The Interview está xustificada, primeiro porque non dispón de salas dispostas a proxectar o filme e segundo, porque sente a obriga de protexer os seus traballadores das ameazas. E todo a sabendas de que o ciberataque do pasado 24 de novembro -verdadeira raíz do problema- contra a compañía polo Goberno de Pyongyang, segundo aseguran informes do FBI, podería custarlle aos estudos uns 500 millóns de dólares (máis de 408 millóns de euros), segundo expertos consultados pola axencia AFP.

Aínda que persiste en tal decisión, Sony abriu unha porta a que a fita de Seth Rogen e James Franco non quede definitivamente condenada a un caixón. Onte o conselleiro delegado, Michael Lynton, desgustado coas palabras de Obama, negou que a compañía cedese ás ameazas e anunciou que busca alternativas para mostrar a película noutras plataformas e que xa está a valorar algunhas opcións. A CNN apresurouse a apuntar que Netflix -popular web de vídeos, películas e series en streaming- podería ser a vía elixida para distribuír The Interview.

A retirada da parodia sobre o líder norcoreano Kim Jong-un, que narra un complot da CIA para asasinar o ditador, desatou as iras do réxime, que acusou a comedia de «acto de terror». Non obstante, Pyongyang negou rotundamente calquera implicación no atentado informático contra a base de datos de Sony que aireou centos de correos electrónicos internos, documentos da Seguridade Social e historiais médicos de case 50.000 empregados e guións como o da última entrega de James Bond e outras películas producidas pola compañía que aínda non foron estreadas -polo momento, o autodenominado grupo Guardianes pola Paz atribuíuse o ciberataque-. É máis, o réxime de Kim Jong-un ofrécese a EUA para realizar unha investigación conxunta e prevé «graves consecuencias» se o Gabinete de Obama non acepta a súa oferta de colaboración.

Estados Unidos por boca de Mark Stroh, voceiro do Consello de Seguridade Nacional da Casa Branca, mantivo a súa acusación: «Se Corea do Norte quere axudar, o primeiro que debe facer é admitir a súa culpabilidade e compensar a Sony polos danos que este destrutivo ataque ocasionou», advertiu.

Antía Corral Álvarez, 1º e Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 21-12-2014 22:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal