Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Tres de cada catro menores de 15 anos non falan en galego.
A enquisa sobre coñecemento e uso do galego realizada polo IGE en 2013 e cuxos resultados veñen de publicarse di: Perda continuada e constante de falantes de galego, cunhas novas xeracións para as que o idioma propio e falado aínda por ducias de milleiros de persoas é un absoluto estraño.

Apenas o 31 por cento das e dos galegos falan sempre en galego. Hai dez anos era o 43 por cento. Daquela os monolingües en español eran menos do 20% d@s galeg@s (19,5 por cento), agora esa porcentaxe roza o 26%. As persoas que din falar máis galego que español son o 20,3%.

O 75 por cento dos menores de 15 anos recoñecen que falan sempre ou principalmente o castelán. O que vén ser nunca ou pouco en galego.

Ademais, o 22,7% destas crianzas e adolescentes recoñecen que saben falar “pouco ou nada” en galego.

Unha realidade que non é, en absoluto, allea ao ensino e á situación do galego nel. A porcentaxe de estudantes que reciben aulas en galego é do 2,15 por cento. En 2008 era por volta do 15 por cento. Por contra, a porcentaxe de alumnos que reciben as clases principalmente en castelán aumentou neste tempo até ser xa máis do 51 por cento.

O castelán é o idioma predominante das e dos galegos para ver a televisión (80%), ler a prensa impresa (96%) ou escoitar a radio (84 por cento). A isto engádese que só un 4,8 por cento recoñecen ler en galego ou principalmente en galego. En español faino o 58% e máis en castelán que en galego o 37 por cento.

Nas redes sociais menos de 3 de cada 100 internautas optan por navegar “só en galego” ou máis en galego que en castelán.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, di que os dados do IGE fan que “fique en evidencia” dunha aposta deste goberno da Xunta de facer unha política de “patadas contra o galego” na que se suman desde incumprimentos (Plan Xeral de Normalización Lingüística) até o ‘decretazo’ do ensino. Asistimos, salienta con preocupación, a estudos e informes que advirten de que “hai unha lingua que desaparece”.

Maceira lembra que mentres hai máis de 500 disposicións legais “que amparan o castelán” apenas as hai para o galego “e as que hai nin sequer se cumpren”. O presidente da MNL tamén sinalou unha cuestión de importancia: que na enquisa despréndese que hai unha parte importante da sociedade que apoia e quere máis contidos e apoio ao galego. “Temos un goberno acantonado na súa política negativa para co idioma mentres que a sociedade mostra compromiso co idioma, moitas veces defendendo e apoiando proxectos e iniciativas para o galego que non contan con ningún soporte nin respaldo institucional”.

Sofía Fernández Martínez, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 14-12-2014 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal