Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O Culturgal ofrece máis de 150 actividades e 70 expositores de industrias culturais ata o domingo.
Máis de 150 actividades e 70 expositores de empresas, asociacións e entidades públicas daranse cita ata o domingo en Pontevedra no marco da Feira Galega das Industrias Culturais Culturgal 2014.

Como novidade, este ano o encontro amplía horizontes para chegar a novos sectores como as artes contemporáneas, o deseño e a artesanía, ademais de incorporar a 'gastrocultura' e unha programación especial para bebés aos seus xa habituais espazos dedicados ao cinema, ao libro, á escena, á música, ás novas tecnoloxías ou aos contidos infantís.

A carteleira de música en vivo volverá contar tamén cun espazo destacado na programación que se desenvolverá no auditorio e na carpa instalada no Pazo da Cultura.

O Culturgal 2014 abriu este venres as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde desenvolverá as súas actividades ata o próximo domingo, día 7.

Durante a inauguración do evento, o presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, sinalou que esta sétima edición da Feira é "a da consolidación" deste "modelo inédito e a imitar" dun evento "froito do esforzo compartido" das industrias culturais e das administracións.

Na mesma liña, o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, definiu o evento como unha "demostración de forza" deste sector en Galicia, que durante o ano pasado deu emprego a 24.300 persoas e alcanzou as 4.102 empresas rexistradas.
UN PUNTO DE INFLEXIÓN

Vázquez fixo mención das cifras recollidas no último 'Anuario de Estatísticas Culturais' do Ministerio de Cultura que, no caso das industrias culturais e creativas galegas, reflicte un cambio de tendencia en 2013 respecto do ano anterior, cun aumento do 13,5 por cento en canto ao nivel de emprego e do 1,45 por cento en número de empresas.

O titular de Cultura recordou que os datos de 2013 sitúan a actividade económica da cultura galega no sexto lugar do Estado, só superada por Madrid, Cataluña, País Vasco, Navarra e Baleares. Neste sentido, compartiu a súa "esperanza" de que este ano poida ser o "punto de inflexión" que marque unha nova etapa de crecemento das industrias culturais galega.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu a benvida a todos os empresarios participantes no Culturgal. "Sodes uns auténticos heroes", sinalou, tras felicitalos por "manexar entre a espesura da crise os vimbios da cultura".

O beneficio económico e social que xeran as industrias que se dan cita neste evento foi unha cita recorrente durante a inauguración do Culturgal, á que tamén asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, ademais dos representantes dos organismos profesionais que integran a asociación Culturgal.

Beatriz Pereiras López, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 07-12-2014 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal