Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Stephen Hawking alerta que a intelixencia artificial podería acabar coa humanidade
Stephen Hawking,é sen dúbida o científico vivo máis popular. Non tanto polos seus achados sobre os buratos negros no campo da física teórica, coma pola súa impresionante pelexa contra a esclerose lateral amiotrófica (ELA), cuxos primeiros síntomas padeceu con só 20 anos, cando completaba a súa formación en Cambrigde.

Hawing, prostrado nunha cadeira de rodas e hoxe xa só capaz de mover os músculos do seu rostro, conseguiuno todo, malia que o seu corpo é o seu cárcere. Converteu a física nun best-seller global, sobre todo coa súa "Historia do tempo" de 1988. Casou dúas veces e é pai de tres fillos. E case se converteu nunha icona pop: apareceu feito debuxo animado nos Simpson, está presente en "Endless river", o novo disco de Pink Floyd, e en xaneiro estréase "A teoría de todo", unha película que conta o seu primeiro noivado, os seus días na universidade e como soubo que padecía a enfermidade. A película fixo chorar o científico cando a viu nun pase privado e deulle o seu visto e prace. Agora, nunha entrevista na BBC, a través da voz artificial coa que se comunica, expresou a súa preocupación polo desenvolvemento futuro da intelixencia artificial e advirte que podería destruír á humanidade.

Hawking, que se expresa a través dun sintetizador de voz alimentado por un ordenade Intel, é partidario e usuario da tecnoloxía punteira e cre que ata agora prestou uns relevantes servizos ao home, pero a súa mirada vai cara ao futuro: "O desenvolvemento dunha completa intelixencia artificial podería traducirse no fin da raza humana". O físico, que se declara ateo, vaticina que unha IA enormemente desenvolve "podería decidir redeseñarse pola súa conta e mesmo chegar a un nivel superior". A raza humana veríase desbordada: "Os homes, que están limitados por unha evolución biolóxica, non poderían competir".

A prevención contra as máquinas non é nova. Xa na revolución industrial do século XIX foron presentadas como un inimigo dos traballadores, aos que deixaban sen os seus empregos. O certo é que hoxe en día segue sucedendo, basta con mirar ás peaxes das autoestradas, ou ás caixas dos supermercados, que en pouco máis dun ano se automatizaron, eliminando empregos humanos. Pero os beneficios da intelixencia artificial e os ordenadores son incontables e por agora cambiaron o mundo para ben. A parábola máis famosa sobre os riscos dunha máquina capaz de pensar por conta propia é sen dúbida o ordenador HAL de "2001, unha odisea do espazo", a obra mestra da ciencia-ficción que rodou StanleyKubrick en 1968 sobre unha historia do novelista Arthur C. Clarke.HAL, encargado de controlar as constantes vitais a bordo da nave "Discovery" rebélase e mata tres astronautas e chega a perder a cabeza, ou a seu cíber-cabeza, neste caso, e remata cantando tolamente. Ao final, o astronauta sobrevivente logra desconectalo.

As ameazas da intelixencia artificial son tamén o fío argumental de moitas novelas de célebre Isaac Asimov, que formulou unhas leis da robótica sobre as que se levantaban os dilemas das súas historias. As tres leis dicían así: un robot nunca fará dano a un ser humano nin permitirá que sexa danado pola súa inacción; un robot debe obedecer os seres humanos, salvo que vaia contra a primeira lei; un robot debe protexer a súa propia existencia, salvo que vaia contra as dúas leis anteriores.

Mentres a grande ameaza non chega, a intelixencia artificial é o que a día de hoxe permite falar a Stephen Hawking, que se comunica a través da voz dun ordenador, un pouco estraña e impersoal e de acento estadounidense. Pero o sabio advirte que non pensa substituíla: "Converteuse na miña imaxe de marca e non querería cambiala por unha voz máis natural con acento inglés. Ademais, contáronme que un neno que necesitaba un ordenador de voz pediu unha como a miña". Hawking, que o pasado ano publicou a súa autobiografía, escribe e fala activando o ordenador co movemento do seu pómulos, pois carece xa de movemento nos dedos para poder activar un rato.

O físico fai gala dun extraordinario sentido do humor e comentou noutra entrevista que se ve como "o vilán perfecto" para unha película de James Bond. Coñecéndoo, non cabe descartalo. Xa de mozo se empeñou en ser temoneiro de Oxford nas probas de remo, e malia provocar coa súa torpeza dous aparatosos choques con outras embarcacións, ao final o seu equipo acabou gañando unha proba.

Irene Iglesias Bastos, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 07-12-2014 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal