Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Sexting,unha práctica de risco
Segundo o Estudo sobre seguridade e privacidade no uso dos servizos móbiles españois, realizado en colaboración polo observatorio INTECO e Orange e publicado en 2010, en España 8 de cada 10 adolescentes de 15 a 16 anos posúe o seu propio teléfono móbil, co que a maioría (máis do 88%) fai fotografías, que envía a outras persoas (48,2%) e publica en Internet (20,8%).

Ampliando este enfoque á franxa de idade de 10 a 16 anos, a posesión dun terminal de telefonía móbil dáse en 2 de cada 3 menores españois. A investigación realizada neste estudo indica ademais que o 4% dos rapaces desta franxa de idade di ter utilizado o seu teléfono para facerse a si mesmo fotos ou vídeos nunha postura provocativa (non necesariamente nus nin eróticas). E a porcentaxe ascende ao dobre (8,1%) no caso dos que declaran ter recibido estes contidos de rapaces ou rapazas coñecidos.

Polo tanto, que este fenómeno existe é unha realidade constatable, é unha moda, é un accidente, é unha consecuencia dos tempos que vivimos? Por que o fan?

A resposta non é doada xa que é unha práctica recente sobre a que non hai grandes estudos polo que nos queda a especulación guiada pola observación. E especulando... poden confluír un ou varios destes factores:

1)Cren que unha imaxe nun terminal móbil está segura e non son capaces de proxectar, de imaxinar, as variadas formas en que esa imaxe pode saír do dispositivo. Un roubo, un erro, unha broma, un extravío... ou a vontade do seu propietario.

2) Confían plenamente na discreción, no amor eterno profesado, por parte do destinatario do envío. Carecen de experiencia vital abondo que os invite a pensar en que as cousas, na vida, cambian por moi diversos factores.

3) Senten certa presión de grupo que os leva a gañar notoriedade e aceptación neste contexto, o dixital, tan importante para eles. Este factor, engadido á plenitude hormonal, pode xerar combinacións pouco recomendables.

4) As influencias e modelos sociais distan do recato. A exhibición de relacións sexuais ou nus por persoas non profesionais, comúns, abundan na Rede. Se poden ver calquera persoa anónima na súa intimidade a través da Rede, non parece tan grave que un apareza desta guisa. O "desnudeo" é algo común, ata certo punto normalizado.

5) Descoñecen as consecuencias que para a súa vida pode chegar a ter o feito de que esa imaxe comprometida sexa de dominio público.

6) A natural falta de percepción do risco que acompaña á adolescencia e o espírito transgresor desencadean certos desafíos. Nalgúns casos resulta simplemente divertido, noutros, serve para coquetear ou dar outro contido a unha relación.

Sexa como for, o resultado desta práctica pode xerar serios problemas que van dende a perda da privacidade e a mingua da imaxe e a propia honra ata a victimización no marco dunha espiral de ciberbullying. Por iso a Xunta puxo en marcha unha campaña para concienciar tanto á mocidade coma ás persoas adultas dos perigos que ten difundir determinadas fotografías ou vídeos a través de internet e das redes sociais.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentaron o 24 de novembro a campaña contra o sexting '10 razóns para non practicar sexting', onde López Abella destacou que esta é unha campaña pioneira en Galicia e incidiu na importancia do control das novas.

A Xunta incide na importancia dun uso responsable e seguro das novas tecnoloxías coa fin de evitar os posibles riscos por razón de xénero, e na busca da prevención da violencia sexual en adolescentes e dos comportamentos machistas e sexistas nos novos medios de socialización e convivencia dixital.

A secretaria xeral de Igualdade indicou que España ocupa o terceiro lugar do mundo, detrás de Brasil e Italia, no uso de redes sociais e o primeiro en Europa en facelo dende dispositivos móbiles. Isto conleva un aumento dos delitos relacionados con elas e así, neste ano 2014, máis de 200 persoas foron detidas por delitos sexuais ou de acoso en España. As cifras reflicten que, nos casos de sexting, as mulleres son vítimas de delitos relacionados con esta práctica en maior medida que os homes.

Podes obter máis información en http://www.pantallasamigas.net/otros-webs/sexting-es.shtm

Para ver o vídeo, preme á dereita en Sexting.


Elena Blanco González, 2ºA de Bacharelato
Sexting
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-12-2014 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal