Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Pato en concerto.
Non todos os días un asiste a un concerto e, menos aínda, non se asiste así como así a unha estrea mundial. Tivemos ese privilexio os espectadores que o pasado sábado 22 de novembro, ás sete do serán, completamos o aforo do Palau de la Música barcelonés para o concerto que a Orquestra Simfònica del Vallès ofreceu dentro do ciclo “Simfònics al Palau”. En colaboración co “46 Voll-Damm Festival Internacional de Jazz de Barcelona” tamén o tiveron os asistentes á súa presentación nos teatros La Farándula, de Sabadell, e Kursaal, de Manresa.
O programa estaba composto por tres pezas de música contemporánea: o “Concerto para Pato e orquestra”, de Emilio Solla, na primeira parte, e as “Danzas sinfónicas de West Side Story”, de Leonard Bernstein, e o “Danzón número 2”, do mexicano Arturo Márquez, na segunda. Obviamente, imos centrar esta crónica na primeira das composicións que forma parte do The Gaita and Orchestra Comissioning Project, impulsado por Cristina Pato e a fundación New Music USA .
Normalmente, se as composicións bautizadas como concerto teñen unha parte solista, esta está dedicada a un instrumento (normalmente piano, violín, clarinete, etc.) pero no caso que nos ocupa, o pianista e compositor arxentino Emilio Solla encarou a composición dunha obra á medida das habelencias dunha intérprete: Cristina Pato.
Esta música ourensá, que toca a gaita, o piano, a percusión e canta, solicitoulle a Solla –residente como ela en Nova York- un concerto para gaita e orquestra. O pianista arxentino, que colaborara con ela no disco Migrations o ano pasado, confesaba no programa de man que decidiu atender a petición cunha peza feita á medida de Cristina Pato. E ben axiña, cando encarou a tarefa, aparecéronlle a herdanza e mais as lembranzas dunha familia bonaerense do barrio de Palermo: o seu pai Julio e a súa tía Olga, solteira, xa nacidos na Arxentina, a onde chegaran o avó Miguel Solla desde terras de Romai e a avoa Mamama desde Andalucía.
Unha obra que, case por obriga xeográfica, se tiña que estrear na capital catalá, xa que nela residira Solla durante dez anos e onde Cristina Pato estudou a carreira de piano, concretamente no Conservatorio do Liceu, centro que visitou durante a súa visita a terras catalás para facer unha master class.
Seguía a confesar Emilio Solla, que tivo que ser unha artista galega –na común distancia novaiorquesa- quen lle acordase o seu adn e as súas orixes. Foille doado enxergar os movementos deste “Concerto para Pato e orquestra”: o primeiro, “Miño”, que incorpora a mais dun solo de gaita, un poema de Rosalía de Castro; o segundo, “De los Barcos”, con percusión e un canto de pandereteira; e o terceiro, “Buenos Aires?”, feito en clave de milonga, un daqueles ritmos que acollían aos inmigrantes chegados a comezos do século XX ás terras do Río de la Plata.
As coordenadas desta composición están condicionadas polo perfil de Cristina Pato e a súa execución está sometida a ela. Por sorte, e agás da pasaxe pandereteira, este concerto non está supeditado á simple recreación de esquemas folclóricos. Neste senso, a idea orixinal podería estar emparentada coas obras de Shaun Davey (“The Brendan Voyage”, “The Pilgrim”, “Granuaile”, “The Relief of Derry Symphony” ou a banda sonora da película “Acordando a Ned”) que incorporou os instrumentos tradicionais irlandeses a orquestras sinfónicas. Unha fuxida da música tradicional que Cristina Pato exerce cando executa a gaita como se tratase de calquera outro instrumento, á maneira do tamén irlandés Davy Spillane, que incorporou a uilleann pipe a formacións de blues, pop ou jazz.

Beatriz Pereiras López, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 30-11-2014 22:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal