Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A ESMORGA
O Festival de Cine Internacional de Ourense acolle esta noite a estrea da nova película de Ignacio Vilar. O primeiro pase público de A Esmorga protagonizará a gala de apertura do OUFF -a partires das 20.30 horas no Auditorio de Ourense- e a versión en galego da obra de Eduardo Blanco Amor está chamada a converterse na protagonista do outono cinematográfico galego: o día 21 chegará ás salas de toda Galicia.

Vilar presentou a súa cinta onte na Praza Maior de Ourense, nunha cita na que estivo acompañado polos tres actores que protagonizan o proxecto -Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán Morris-, por Víctor Freixanes -Galaxia figura como produtora no proxecto ao ser a dona dos dereitos de autor de Blanco Amor- e o alcalde da cidade, Agustín Fernández. A colleito nos soportais do Concello logo dunha pequena treboada que escureceu o día, o director asegurou que ese ambente de invernía e dureza que preside a novela é o que se trasladou á película, con longas xornadas de traballo de 11 e 12 horas para conseguir sacar adiante o proxecto en poucas semanas de rodaxe. Ao remate da rolda de prensa Ignacio Vilar leu unha carta de Blanco Amor, datada en 1978, na que recoñecía que non quedara satisfeito coa versión de Gonzalo Suárez (que levou a novela ao cine como Parranda) e que estaba convencido de que chegaría un día en que sería capaz de levar o proxecto adiante en Galicia, con actores e directores formados aquí, e en galego. Segundo Vilar, ese momento chegou e A Esmorga é o proxecto que desexaba o escritor.

Antonio Durán Morris deulle as grazas ao director por ofrecerlle a oportunidade de participar neste proxecto, recoñecendo que lle trasladara o seu temor a enfrontarse ao papel «porque os personaxes da novela están no imaxinario colectivo dos galegos, e iso supoñía un gran reto». Miguel de Lira incidiu no arriscado da proposta «por facelo cun equipo galego e en galego».

Antía Corral Álvarez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 15-11-2014 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal