Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O recordo do Muro de Berlín sobrevive polo mundo
O muro de Berlín foi un dos símbolos máis poderosos do século XX, pero tamén un obxecto moi concreto formado por toneladas de formigón. Onde foi parar despois da súa caída fai agora 25 anos? A resposta ofrece sorpresas e algunha polémica. «Cando se abriu o muro, formulouse inmediatamente a pregunta de que facer con el», conta á axencia Anna Kaminsky, directora da Fundación para a reflexión sobre a ditadura na Alemaña comunista (RDA) e autora do libro “O muro de Berlín no mundo”. Segundo a experta, «o goberno da RDA recibiu as primeiras solicitudes para comprar anacos de muro xa ao día seguinte da súa caída o 9 de novembro de 1989. Nunha ironía histórica, a maioría proviña de Estados Unidos. Discutiuse se era lícito facer negocio con algo que custara vidas. Pero finalmente a RDA aceptou vender anacos de muro e aliviar así as súas finanzas. Para reducir a polémica, os ingresos usáronse en fins sociais, como o sistema de saúde», conta Kaminsky.

Algúns fragmentos pintados subhastáronse pronto por sumas próximas aos 150.000 euros (185.000 dólares), un alivio inesperado para as maltreitas arcas da RDA. Outros anacos de simple formigón gris -a maior parte do muro- recicláronse en construción de rúas ou vendéronse moídos a outros países como material de obra. Se ben a comercialización do muro xerou polémica, a decisión de borralo da paisaxe urbana contou cun amplo consenso entre a poboación e os políticos. «Despois de 28 anos de división, todo o mundo quería volver rápido á normalidade», explica Kaminsky. A ecuación era perfecta: Berlín quería desprenderse do muro e o resto do mundo estaba disposto a pagar por un anaco.

En cuestión de meses, da xigante parede de 155 quilómetros de longo só quedaban poucos metros en fragmentos illados, os únicos que aínda poden verse en Berlín. Entre eles a famosa «East Side Gallery» ou o que bordea o sitio de recordo do muro na emblemática Bernauerstrasse.

Kaminsky seguiu o rastro das placas de muro vendidas a interesados de todo o planeta ou regaladas polo Senado de Berlín a cidades amigas.
A súa conclusión: en 146 lugares de máis de 70 países hai 241 anacos do muro de Berlín, na súa maioría expostos como símbolo da inhumanidade do réxime comunista ou como homenaxe á loita pola liberdade e a democracia.

Lara Rodríguez Pardo, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 11-11-2014 11:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal