Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Beneficios do café sobre a memoria
A semana pasada amosaba un estudo que confirmaba que errar é bo para a memoria, e esta vez mostrarei outro que afirma que a cafeína tamén o é.

Douscentos miligramos de cafeína, aproximadamente a que contén un café, tomados despois de ver unha serie de imaxes axuda a recordalas mellor e con máis detalle ao día seguinte. O que suxire que en lugar de tomar café antes de afrontar un traballo importante para estar espertos, tal vez sería mellor tomalo inmediatamente despois, para sacar o mellor partido posible á memoria. Esa é a conclusión dun estudo levado a cabo na Universidade Johns Hopkins publicado na revista Nature Neuroscience.

"Case todos os estudos previos administraban a cafeína antes da sesión de traballo, por iso, non estaba claro se o efecto potenciador sobre a cognición da cafeína se debe a que actúa sobre a atención, a vixilancia ou outros factores. Administrando a cafeína despois da proba de memoria descartamos eses efectos e podemos estar seguros de que actúa sobre a capacidade de recordar", destaca o psicólogo e neurocientífico Michael Yassa.

O único claro ata agora era que a cafeína nos mantén máis espertos porque neutraliza unha molécula do cerebro, a adenosina, que se vai acumulando ao longo do día e que induce o sono. E sobre esta molécula, especulan os investigadores, podería tamén actuar a cafeína para mellorar a memoria. A adenosina, a medida que se acumula durante a xornada, diminúe a actividade da noradrenalina, que á súa vez está implicada precisamente na consolidación da memoria a longo prazo. Mellor con cafeína.

Como sempre a virtude está no termo medio así que se alguén ten a tentación de probar que acontece se supera con moito esta dose de 200 miligramos, convén saber que este efecto da cafeína sobre a memoria ten forma de gráfica en "U invertida". Isto significa que hai un máximo de consumo de cafeína a partir do cal non só non hai melloría senón que se produce un empeoramento na capacidade para recordar. Non hai que esquecer tampouco que un exceso deste estimulante produce síntomas parecidos aos dun ataque de ansiedade, o que leva consigo unha diminución do rendemento cognitivo.

Elena Blanco González, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 11-11-2014 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal