Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Galicia, quilómetro 0 de Europa
As vías locais, provinciais, autonómicas e estatais posúen denominacións e van numeradas para unha mellor organización. A trillada A9, autoestrada de peaxe rebautizada como AP9, espiña dorsal da comunidade, e as dúas autovías principais -a do Noroeste ou A6 e a das Rías Baixas ou A52- son as máis coñecidas.

Pero hainas dunha categoría superior: a europea. As rutas internacionais do vello continente cóntanse por ducias e conforman unha rede de comunicación transnacional. E en Galicia hai unha deste tipo que, sorprendentemente, ten o seu arranque aquí -ou o seu destino, segundo se mire-, e que pasa desapercibida para a maioría, agás quizais para os camioneiros. Cando un viaxeiro interpreta de modo rutineiro a información que lle ofrecen os sinais de tráfico e ve escrito en verde E70 descoñece a que se refire. Máis letras e díxitos que dixerir, chega a pensar. Ignora de que nó viario se trata. A Coruña é o quilómetro 0 ou o 4.550 dunha das grandes vías que atravesan Europa de leste a oeste. É a E70, encargada de comunicar o fin do mundo occidental, o seu Finisterre, coas montañas do Cáucaso, aí onde Europa se debate entre chamarse ou non Asia. Unha vía de comunicación que foi trazada copiando itinerarios clásicos da Antigüidade e que agora une Galicia con Xeorxia, un montañoso país entre dous mares, o Negro e o Caspio.

En total, máis de 4.000 quilómetros a través de dez países. A quen lle guste facer quilómetros e turismo, coñecer Europa en coche, bicicleta ou a pé, sabe que agora ten unha nova ruta e un quilómetro 0 que parte de Galicia. Un itinerario de luxo descoñecido que atravesa un continente.

David Cebreiros López, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 26-10-2014 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal