Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Fondo Galego e Ecos do Sur melloran as condicións educativas e sanitarias nunha escola de Mozambique
A iniciativa facilitará o acceso das nenas ás aulas e reducirá enfermidades coma o cólera nunha zona con altas taxas de analfabetismo e de mortalidade infantil // O proxecto incorpora actividades de sensibilización en colexios de Galicia con intercambio de experiencias entre alumnado dos dous países lusófonos.
O Fondo Galego de Cooperación e a ONGD Ecos do Sur están a mellorar as condicións educativas e sanitarias na escola de Hitakula das Mahotas, en Mozambique. A asociación de concellos e deputacións cofinancia con 18.000 euros este proxecto, no que se incorporan actividades de sensibilización en diversos centros educativos galegos arredor do Día de África, que se conmemora este domingo, 25 de maio.

A intervención no colexio mozambicano permitirá reparar e estender os servizos de auga e saneamento, ao tempo que se formará á poboación en temas de hixiene, saúde e xestión da auga. Limpar e ampliar as foxas sépticas, construír desaugues para as duchas, instalar portas e pechaduras nos aseos ou montar os sanitarios son algunhas das actuacións levadas a cabo, coa asociación Adane Mozambique como parceiro local. Ao tempo, capacítase a un grupo de axentes promotores para impartir charlas nas aulas sobre boas prácticas hixiénicas e ambientais e para crear brigadas verdes que conciencien á comunidade neste eido.

A escola e centro infantil de Hitakula das Mahotas foise deteriorando ao verse desbordada pola migración interna cara a capital. Na actualidade acolle máis de 2.500 estudantes, dos que un 57% son nenas. O proxecto permitirá ir aumentando o número de prazas, nun país cun 20% de analfabetismo, maioritariamente femininino, e facilitará o acceso igualitario á educación, pois prevese que descenda o absentismo escolar das rapazas ao garantirlles maior seguridade e intimidade, sobre todo cando teñen a menstruación. Porén, o beneficio será para todas e todos, xa que ao eliminarse as deposicións no patio e nas inmediacións reducirase tamén a incidencia de doenzas coma o cólera ou a diarrea, nunha zona cunha taxa de mortalidade infantil das máis elevadas do mundo.

Beatriz Pereiras López, 1ºB Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 25-05-2014 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal