Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Gloria Gaynor encabeza o cartel do Festival Brincadeira en Santiago
Máis de 100 artistas e grupos, entre os que están Gloria Gaynor, Georgie Dann ou Fangoria; participarán entre o 7 e o 9 de agosto en Santiago de Compostela no Festival Brincadeira, que acollerá o Monte do Gozo.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou este luns aos promotores do Festival Brincadeira na presentación deste evento, que busca "manter a atmosfera lúdica e multidisciplinar" do festival a través de distintos espazos temáticos.

Así, o cartel do escenario Brincadeira Stage estará encabezado pola diva da música disco e soul Gloria Gaynor, e contará coa participación tamén de Bad Manners, Fangoria, Powersolo, Georgie Dann, The Experimental Tropic Blues Band, Fuel Fandango, Pony Bravo, The Inspector Cluzo, Lory Money, Freedonia, Arizona Baby, Guadalupe Plata, Ruxe Ruxe, Familia Caamagno, Pedrito Diablo e Los Cadaveras, Los Chavales, Superoito e Agoraphobia

Por outra banda, noutros escenarios do festival soarán bandas como Hijack da Bass, Lucy Love, The Zombie Kids, Mad Professor, Lengualerta ou El Hermano L.

PRIMEIRA EDICIÓN EN SANTIAGO

Jacobo Sutil felicitou a organizadora, Aturuxo Producións, pola súa aposta por "manter viva" esta cita, que celebra a súa primeira edición en Santiago. O evento, ademais de música, acollerá teatro, poesía, artes visuais, fotografía ou deseño, entre outras propostas.

Durante o día, a programación articularase arredor de Brincadeira Show, espazo dedicado ao teatro, aos monólogos e ao humor; a DubStation, con reggae, dub, dance hall e músicas urbanas; Poesía na Natureza, con lecturas dramatizadas nun ámbito natural; e a Tropical Area e a Cantina Mexicana como zonas de recreo.

A DubStation e a Cantina manteranse abertas durante as sesións de noite, nas que comezarán as actuacións tanto no escenario principal (Brincadeira Stage) coma no NewBeats Stage, que acollerá actuacións acústicas e de DJ. Ademais, funcionará tamén o Pulp Fiction Bar, onde se escoitarán xéneros como o indie, pop, surf, soul ou rock.

Beatriz Pereiras López, 1º Bach. B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 04-05-2014 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal