
Os monumentos e lugares máis emblemáticos do mundo quedaron ás escuras este sábado durante unha hora para conmemorar a denominada Hora do Planeta, unha cruzada que intenta concienciar á sociedade sobre a necesidade de tomar medidas contra o cambio climático.
A Praza Vermella de Moscú, o Big Ben en Londres, a Ópera de Sidney, as Torres Petronas en Kuala Lumpur, o Empire State Building de Nova York ou o Obelisco de Bos Aires permaneceron apagados durante 60 minutos (en España celebrouse de 20.30 a 21.30, hora peninsular) con esta iniciativa convocada polo Fondo Mundial da Natureza (WWF, polas súas siglas en inglés).
O apagamento percorreu o planeta dende as pirámides de Exipto ata a Torre Eiffel de París, pasando polas ruínas do Coliseo romano ou as do Partenón de Atenas, o Pazo Real de Madrid, as Cataratas Vitoria en Zimbabwe, a Mesquita Azul de Istambul ou a berlinesa Porta de Branderburgo.
Á lista uníronse a catedral da Sagrada Familia en Barcelona, o estadio olímpico e a cidade prohibida de Beijing, o Burj Khalifa, catalogado como o rañaceos máis alto do mundo e situado en Dubai ou as Cataratas do Niagara.
Así, máis de sete mil cidades adheríronse a este apagamento que invita a individuos, gobernos e empresas a apagar a luz durante unha hora para demostrar que o cambio climático nos importa, e este ano tamén suxeriu aos cidadáns que se desconecten de internet durante ese tempo.
David Cebreiros López, 1ºA de Bacharelato. |